luns, 21 de xuño de 2021

LIBROS PARA O VERÁN

Rematando o curso vos animamos a continuar léndolles aos vosos fillos e fillas durante o verán. Unha vez máis insistimos en que ler en familia, de xeito habitual e relaxado, mellora a linguaxe, facilita o desenvolvemento das capacidades cognitivas (intelectuais), pode ser un vehículo para falar de múltiples temas e aumenta os lazos afectivos familiares.

Nas bibliotecas públicas de Arteixo podedes atopar  moita variedade de títulos e axuda dos bibliotecarios.

Estivemos nas librarías da zona e fixemos unha pequena escolma de títulos que nos parecen axeitados para os nenos e as nenas deste rango de idade. Algúns son mais sinxelos, para os mais pequenos e outros xa poñen a mirada en Primaria.

Varios dos libros reflicten aspectos das relacións na familia: a tenrura e o precioso debuxo de O conto do outro día; a angustia da perda (momentánea) da nai de Un pouco perdido; a necesaria linguaxe amable está presente en Como se dí; Os cambios emocionais en Ás veces mamá ten tronos na cabeza; e as diferentes formas de ser familia de The family book, un libro en inglés moi sinxelo.

Lo que nos hace únicos fai referencia á individualidade dentro do grupo. ¡Cuánto color! é un libro divertido que xoga coas cores. Abezooocéano amosa as letras do abecedario a través de pequenos poemas.

En clave informativa escollemos un libro sobre Crías de animais de Europa, outro sobre Los dinosaurios (que lles encantan), un con solapas e pestanas Planeta Tierra e  o Atlas da Galicia pequeniña, moi interesante para unha primeira aproximación a nosa terra.

A oferta tanto en librarías como en bibliotecas é variadísima e o ideal e que contedes cos nenos e as nenas para escoller as lecturas. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario