martes, 31 de marzo de 2020

A POESÍA EN CASA

Bo día a todas e todos!

Estamos moi contentas porque empezamos a recibir fotos de tarefas e actividades que realizades na casa. Fainos moita ilusión saber que estades aí e que estades ben. Mirade que cousas fermosas fixeron Xiana e Daniela coa proposta do día da poesía! Noraboa!

Animádevos a enviarnos imaxes das actividades que facedes na casa! 

Apertas virtuais e moita saúde



venres, 27 de marzo de 2020

BLOG DE INGLÉS

Inauguramos  outro blog da escola. Trátase dun blog da mestra de inglés, Meli. Animádevos a botarlle un ollo.
https://vilarrodisenglish.blogspot.com//

mércores, 25 de marzo de 2020

KALANDRAKA

Son moitos os espazos culturais que están tentando ofertar un pouco de acougo cultural estes días. Unha delas é a editora Kalandraka, especializada en literatura infantil. Hoxe vos traemos uns enlaces a Kalandraka TV, onde podedes ver algúns dos seus libros contados en castelán e en galego.

A editorial Kalandraka iniciouse no ano 1998 como o proxecto dun pequeno grupo de persoas relacionadas co ensino  e o teatro infantil, observando a pouca oferta de libros ilustrados en galego nese momento.

Hoxe en día Kalandraka publica nas catro linguas do estado Español e máis no portugués, o italiano e o inglés. A editorial en si e varios dos seus títulos en particular teñen colleitado numerosos premios, sendo o Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial en 2012 un dos mais importantes.

Kalandraka edita orixinais, adapta clásicos e recupera libros ilustrados da literatura infantil de autores de todo o mundo como  Tommi Ungerer, Leo Lionni o Arnold Lobel, por exemplo.

En Bibliorrodís temos unha boa escolma de títulos desta editorial.

Premede no link debaixo da foto para ir a páxina de Kalandraka TV e disfrutar dos contos contados.

http://www.kalandraka.tv/gl/seccion2.php?id=33&pagina=4#PD_Xos%20Ballesteros%20-%20El%20pequeo%20conejo%20blanco

http://www.kalandraka.tv/es/index.php


Se queredes saber máis da editorial:


Saúdos e saúde

luns, 23 de marzo de 2020

POESÍA



O pasado venres 20 comezou a primavera, e o sábado foi o día Internacional da Poesía.
Ante esta situación vos propoñemos lerlles aos nenos e as nenas unha poesía e realizar algunha actividade manual a partir dela.

Escollemos unha poesía en castelán de Gloria Fuertes e unha en galego de Xoán Babarro. Todo é adaptable á situación e a idade dos nenos. SEMPRE VAN PRECISAR AXUDA OU GUÍA.

O grupo de 3 anos espérase que poidan escoitar, repetir algún verso e colorear un debuxo intentando non saírse dos marxes  (pero non perfecto). Tamén poden xogar a pegar papeis de cores dentro dun debuxo.
O grupo de 4 anos espérase o mesmo que o de 3 pero poden empezar a realizar debuxos libres significativos moi sinxelos ou formar un con trozos de papeis (por exemplo unha flor con AXUDA). Poden , a maioría, escribir o seu nome.
O grupo de 5 anos xa pode trazar letras e palabras, as veces con axuda, outras mais autonomamente.
Vos poñemos unas ideas que os  adultos podedes facer con eles:

  • Imprimir algunha das imaxes de abaixo si tedes impresora na casa e darllelas aos nenos con instrucións
  • Escribir vos mesmos nunha folla calquera de papel  xunto ao neno /a a poesía ou un anaco dicíndoa en voz alta e pedirlle que faga un debuxo. Si  recoñece as vogais podedes pedir que sinalen por cores ou co dedo o A (E, I…), si xa escribe ou le un pouco que recoñeza, lea e/ou escriba palabras sinxelas.
  • Facer un debuxo sinxelo para que o neno ou nena coloree.
  • Gravarvos lendo a poesía que mais vos guste.
  • Realizar unha manualidade con papeis de cores ou o que teñades a man relacionada coa poesía.
  • Contarlle unha poesía que coñezades
  • Calquera outra que se vos ocurra




PARA COMPLETAR. GRUPO 5 ANOS

PARA COMPLETAR. GRUPO 5 ANOS



Si finalmente realizades algunha acción por favor compartídea con nos. Enviade foto, audio, imaxe, gravación ou o que queirades ao correo de bibliorrodis: vilarrodis@gmail.com


Aínda que pensedes que non é gran cousa para os vosos fillos e fillas  sí o é e tentaremos (si queredes) publicalo aquí mesmo.


Saúdos e saúde para todas e todos



martes, 17 de marzo de 2020

QUE PODEMOS FACER NA CASA?


libro para explicar coronavirus aos nenos
Estamos vivindo unha situación moi inusual e que pode ser moi estresante para toda a familia e a poboación en xeral. É importante decatarse e entender o porqué destas medidas e pensar que son temporais. Co esforzo que facemos todos e todas de quedarnos na casa contribuímos a que non se enferme máis xente. Dende logo non son unhas vacacións senón unha forma de protexernos a nós mesmos e aos demais. No enlace de debaixo do debuxo tedes un documento pensado para explicarlles a situación a os nosos nenos e nenas dun xeito sinxelo.

Nestes días que temos que pasar metidos na casa cos nenos e as nenas gustaríanos compartir algunhas ideas. Buscade o lado positivo dentro do esgotador que pode ser ter a un neno ou nena destas idades na casa: podedes pasar unha experiencia marabillosa.

Sabemos que é moi tentador pasar todo o día fronte a unha pantalla de TV, tablet, móvil, etc. Non é mala idea utilizar eses recursos, pero si o é facelo todo o día.

Suxerimos unha planificación básica para que todo sexa mais doado. Unha idea é a publicada pola actriz Vanessa Lorenzo no seu instagram. 


Unha das cousas a ter en conta é que as nenas e os nenos deberían moverse na medida do posible. Incluso dentro da casa podedes planificar actividades de movemento como bailes, ioga, realizar exercicios sinxelos, facer circuítos tipo gymkana…

Aproveitade, por favor, xa que non hai presa , a que melloren a súa autonomía a hora de lavarse as mans, vestirse e calzarse, por exemplo. Para os de tres anos será algo máis básico como quitar e poñer sos o calzado ou abotoarse. Os que xa pasan dos 5 poden comezar tarefas algo máis complexas como é atar cordóns.  Hai que ter paciencia, ninguén nace aprendido, todo se aprende, con mais ou menos tempo. É moi importante que usen as súas mans. Podédelo ler aquí: 

Poñede ao voso neno ou nena a facer tarefas de casa sinxelas como varrer, axudar a poñer a lavadora ou tender a roupa. Emparellar calcetíns ou dobrar prendas é unha boa opción. Axudar na cociña en tarefas sen coitelos ou lume pódelles gustar moito. Non esperedes perfección ou rapidez.

Por suposto están as actividades de plastilina, xogos de mesa, pintar, recortar, pegar, etc. Lembrade que canto mais pequenos mais axuda precisarán, hai que empezar sempre tendo en conta o que poden facer. Os exercicios de contar cousas son moi interesantes: de 1 ao 5 no caso dos de 3 anos e ata o 20 nos maiores. Haberá quen lle custe máis e a quen lle pareza pouco, pero vai depender de cada individuo e a súa madurez. Os puzzles son un gran recurso se os escollemos segundo a súa capacidade, con poucas pezas. Se non tedes podédelos facer recortando unha imaxe calquera.

Por último pero quizais o máis importante:  lembrade sempre a importancia de conversar con eles, de contarlles historias e ou lerlles contos para estimular o uso da linguaxe. Os nenos e nenas do grupo de 5 anos están comezando a ler, estimulade os seus logros para que sigan progresando. Non todos poden ir ao mesmo ritmo e nunca é preocupante que lles coste antes dos 7 anos. Nestas idades os meses contan no desenvolvemento cognitivo. No lateral deste blog tedes enlaces para ver contos si non tedes na casa. Mellor son en papel.

Vos deixamos algúns enlaces con suxestións de actividades.  Tede en conta a idade do voso fillo ou filla á hora de escoller.



https://supersimple.com/super-simple-songs/ con  moitas das cancións que vemos e traballamos na escola en inglés e actividades para imprimir (printables), As cancións tamén as atoparedes directamente en Youtube.

Tedes abertas como vías de contacto para preguntas, dúbidas ou requerimentos o teléfono e o correo electrónico da escola e os diversos blogs.

MOITO ÁNIMO!!! PROTEXÉDEOS E QUEDADE NA CASA.  ISTO TAMÉN PASARÁ!

domingo, 8 de marzo de 2020

8 DE MARZO

Ao longo de esta semana estivemos a realizar diversas actuacións en relación á conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller. Na escola traballamos a prol da igualdade perante todo o curso. Tentamos seguir os obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU recollidos na Axenda 2030, neste caso o número 5: Igualdade de xénero.

https://www.agenda2030.gob.es/es/objetivos

Dende a biblioteca montamos unha das nosas exposicións para usar. O debuxo e o cartel foron creados pola nosa estimada Amaya. Escollemos libros con sinxelas biografías de mulleres senlleiras e contos con mulleres como protagonistas realizando diversos traballos. A idea é amosarlles aos nenos e ás nenas modelos de mulleres traballadoras en todos os campos posibles: pintoras, científicas, enxeñeiras, conductoras de todo tipo de máquinas e vehículos, escritoras…. Tamén poñemos a disposición de toda a escola materiais como a mesa de luz, os robots educativos e outros para empregalos nas aulas.






En colaboración co Concello de Arteixo e o Centro de Información á Muller tivemos unha charla o martes pasado para familias e docentes na biblioteca e un obradoiro de igualdade para o alumnado no espazo creativo da escola o venres.

Obradoiro para familias e docentes