luns, 17 de xuño de 2019

LIBROS PARA O VERÁN

Nos últimos anos hai unha grande oferta de libros e materiais para a infancia que nos permiten tratar case calquera tema cos nenos dun xeito visual e sinxelo. Nesta selección presentamos algúns textos que nos confirman que todos somos diferentes e que na axeitada xestión desa diferencia está a capacidade de superación e desenvolvemento da raza humana. Diso nos fala A meniña furacán e o meniño esponxa, e dun xeito delicado como dous persoas do mesmo sexo poden namorarse en O granxeiro e o veterinario. Máis lúdica é a cooperación entre animais de Coidado coa charca!  Temos a tenrura do trato con papá en Cinco minutiños máis e unha aventura en Ratos de viaxe, cun texto en verso e ilustracións cheas de detalles coas que ampliar vocabulario. Para os máis pequenos escollemos Xogando con dinosauros con sucos para seguir cos dediños. Pinta con los dedos en el mar é unha proposta para interactuar co adulto ou un familiar de máis idade  que guíe a pegada do neno ou nena e debuxe os detalles.
Incluímos un cómic que nos fala dun peixe creativo: Pez Globo se transforma, Un libro con CD de música Paio e o poder da música, dous libros moi sinxelos con texto en inglés Pete el gato and his four groovy buttons e Why the face?. Como libro de corte informativo propoñemos ¡Buenos días ranita!, que nos conta o ciclo biolóxico das rás.
Como vos dixemos arriba hai abundancia de oferta nas librarías para todos os gustos. Animamosvos  a compartir ratos de ocio cos vosos nenos e nenas nas vacacións visitando unha libraría ou unha biblioteca.
Coma sempre lembrade que o concello de Arteixo dispón de cinco bibliotecas nas que podedes atopar materiais e asesoramento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario