xoves, 21 de marzo de 2019

DÍA DA POESÍA

Hoxe comezou cun día esplendoroso a primavera e, ademais, festexamos o día da poesía. Puxemos nos estantes da entrada algúns dos libros poéticos da nosa biblioteca e fotos dalgúns dos autores dos mesmos. Escollemos unha poesía de Gloria Fuertes  “La escuela del prado” e lles pedimos aos nenos e nenas de 4 e 5 anos que debuxaran flores para rodear a escola.  Así de bonito quedou.

mércores, 20 de marzo de 2019

O REFUGALLO


O venres pasado Fernando e Yésica viñeron a Bibliorrodís a falarnos do tratamento dos refugallos no concello de Arteixo. Enmarcado no programa Voltear, explicáronnos a importancia de reducir o lixo e de tratar axeitadamente o que, inevitablemente, producimos. Minimizar o impacto dos refugallos no medio ambiente tamén depende de nós e non só das institucións e as empresas.
Despois da charla, apoiada cunha montaxe fotográfica, propuxéronnos  un xogo para clasificar diversos refugallos. Por último nos deixaron un lote de bolsas de tea para cada neno e nena co fin de que sexan empregadas nos fogares para unha correcta clasificación do lixo e axudar a saúde do noso entorno.




venres, 8 de marzo de 2019

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Fai un par de semanas recibimos na escola a Alejandra, enviada polo CIM do Concello de Arteixo para que nos falara de xoguetes e igualdade. Sempre nos sorprende escoitar a algún neno ou nena que sigue a falar dos  xoguetes , os vestidos ou as profesións en función do xénero. Hai que seguir  loitando para que ningún neno ou nena sexa mal visto por non encaixar nos tópicos de xénero. Os obradoiros do CIM desenvolvéronse de luns a mércores e consistiron nunha pequena asemblea seguida da elaboración dunha ficha e un visionado de dous cortos  “Superlola” e “Lalo, el príncipe rosa”.
Tamén vos deixamos este vídeo sobre os estereotipos de xénero e as profesións. En inglés as profesións non teñen xénero, dise igual bombeiro que bombeira.