xoves, 28 de febreiro de 2019

MATERIAIS DA FUNDACIÓN ADECCO

A maioría dos materiais que nutren a nosa biblioteca proveñen da dotación económica que aporta a Consellería de Educación a través do PLAMBE da Asesoría de Bibliotecas Escolares. En outras ocasións diferentes administracións ofrecen subvencións a proxectos determinados e nós as solicitamos, como é o caso do traballo a prol da igualdade e o CIM do Concello de Arteixo. Tamén temos tido doazóns puntuales de empresas  (como Caixabank fai dous cursos) ou particulares.
Fai un par de semanas contactamos coa Fundación Adecco porque tiñamos interese na súa Guía de la Diversidad. Foron extraordinariamente amables e enviáronnos un xeneroso lote de libros aos que esperamos darlle bo uso. Se algunha familia ten interese en algún deles, por favor contactade coa titora ou a coordinadora de biblioteca.

venres, 22 de febreiro de 2019

XORNADA DE PORTAS ABERTAS


O vindeiro martes 26 de febreiro teremos unha charla para familias que desexen escolarizar á súa filla ou o seu fillo na nosa escola. Explicaranse as principais liñas de traballo, os prazos de matrícula e as dúbidas que se poidan ter.

venres, 8 de febreiro de 2019

DÍA ESCOLAR DA PAZ

O mércores 30 de xaneiro conmemoramos todos xuntos o Día Escolar da Paz e Non-Violencia. Nesta data xuntámonos primeiro en Bibliorrodis e logo na aula de usos múltiples . Empezamos co recitado de poemas de Mónica Varela e Gloria Fuertes por parte dos alumnos e alumnas de 5 e 4 anos. Logo escoitamos o conto "Hoy no juegas" e "Imagine", e unha curta animada "Bridge". Despois, na sala de usos múltiples coloreamos e recortamos pingas para a cristaleira da entrada, cantamos, xogamos e comemos flocos de millo.





luns, 4 de febreiro de 2019

MOCHILAS VIAXEIRAS

Iniciamos hoxe o servizo de mochilas viaxeiras do presente curso. Este servizo está enmarcado no noso plan de biblioteca dentro do PLAMBE e do plan LÍA da Consellería de Educación.

Estivemos a darlle una volta ao seu contido e tivemos en conta as suxestións realizadas polas familias o curso pasado.

O contido das mochilas pasa a ser o seguinte:  tres libros nas tres linguas que empregamos na escola: galego, castelán e inglés. Introducimos un libro para adultos con ideas para realizar na casa cos pequenos. Mantemos o libro con CD de música en galego e incluímos un xogo sinxelo para realizar en familia. Cada aula ten unha mochila e os contidos son diferentes segundo o curso. (a que vedes na foto corresponde a aula de 3 anos). Vai tamén unha tarxeta de suxestións por si vos apetece compartir algunha idea.

Non se espera de ningún alumno ou alumna da escola que lea só (aínda que algún xa empece). Todos os materiais son para que un adulto se sente a interactuar co neno ou nena. O xogo ten  instrucións pero non é preciso que se sigan ao pé da letra. Podedes empregar os materiais de forma diferente sempre que sexa respectuosa. Tampouco é preciso que leades os contos tal cal. Tomádeo como un momento de actividade relaxada, de compartir a linguaxe e o afecto cos vosos fillos e fillas.