domingo, 18 de marzo de 2018

MONICREQUES E EDUCACIÓN INCLUSIVA

O pasado venres na Biblioteca asistimos a unha representación con monicreques, posterior diálogo e a unha actividade sensorial baixo o título “Vivimos e convivimos”.  Os encargados de levala a cabo foron varios voluntarios da ONG Mestura grazas ao programa de Atención a Poboación Migrante da Concellalía de Servizos Sociais de Arteixo. Estas actuacións reforzan o noso traballo por unha escola inclusiva, respectuosa coas diferenzas e integradora.



mércores, 14 de marzo de 2018

PLURINFANTIL EN VILARRODÍS


Na  Escola de Educación Infantil de Vilarrodís-Oseiro estamos a levar a cabo dende o presente curso o Proxecto Plurinfantil da Consellería de Educación.  Este proxecto consiste en aumentar o tempo de aprendizaxe en Lingua Inglesa na etapa de Educación Infantil de 3 a 6 anos. Xunto coa aprobación do proxecto,  a escola foi dotada cunha auxiliar de conversa nativa en exclusiva, así como con diverso material. O pasado martes 13 de Marzo a coordinadora de Lingua Inglesa explicoulles  ás familias como se está a desenvolver o programa.

venres, 9 de marzo de 2018

MULLER TRABALLADORA



Na escola todos os días esforzámonos  por darlles ás nosas alumnas e aos nosos alumnos experiencias en base a valores de equidade e trato igualitario. Nestas datas, dende a biblioteca, ofertamos ás aulas títulos axeitados (ou “axeitables”) con exemplos de mulleres realizando distintos tipos de traballos. Colocamos algúns deses títulos na exposición da entrada cun cartel cheo de ilustracións do artista Luis Davila.

domingo, 4 de marzo de 2018

OS BOLECHAS E O CIM DE ARTEIXO

O venres tivemos en Bibliorrodís unha sesión especial organizada polo Centro de Información á Muller do Concello de Arteixo. Os nenos e as nenas foron invitados a visionar e comentar un libro  dos Bolechas exclusivo e facer actividades complementarias. Ao final cada un levou un exemplar para casa.