venres, 21 de decembro de 2018

RECOMENDACIÓNS DE NADAL

Chegan as festas de Nadal, tempo para reunións familiares e para marabillarse coa ilusión dos pequenos e pequenas. Tempo tamén de agasallos. Estivemos de visita nas librerías da comarca na procura de títulos que nos parecen interesantes para os nosos nenos e nenas. Plantexamos unha selección variada, coma sempre. Tedes libros de corte informativo como Os animais do bosque, Océano, O Formigueiro ou Estamos aquí (este último para os maiorciños);  Albumes ilustrados como Hoy no juegas, Palabras con corazón ou O Nadal de Ernesto e Celestina, todos eles con valores de fondo. Eleximos un libro en inglés Little Bear Dreams; un divertimento para xogar as escuras: Os piratas; Un libro con disco e pictogramas: Cantamos de Luis Vallecillo e un libro con música axeitado para todos e todas El cascanueces. Por último incluímos un libro de receitas,  Receitas pequerrechas, por si alguén lle apetece meter aos nenos e nenas a axudar na cociña. Por suposto hai moitísimos mais títulos para todos os gustos e é recomendable que vaiades cos cativos a botarlles unha ollada.
No blog das Bibliotecas Escolares de Galicia vanse colgando as recomendacións das  distintas escolas, colexios, institutos, etc que pertencen a rede PLAMBE e que podedes consultar no seguinte enlace.

Por último, unha vez mais recordarvos que podedes visitar as bibliotecas municipais de Arteixo durante o Nadal e ver libros, películas, discos que ademáis os podedes levar para casa de balde.

Felices festas!!!! 



xoves, 6 de decembro de 2018

EL REINO DE TU PUEDES, YO PUEDO

Recibimos a visita da contacontos Erica González en Bibliorrodis dentro das accións de reforzo da coeducación e a igualdade  na escola.
Erica presentouse como a princesa do Reino de Tu puedes, Yo puedo, un reino ameazado pola Bruxa Odiosa que todo o quere rosa e o Mago Gandul que o quere todo azul. Finalmente, grazas ao pan da igualdade, conséguese que todos podan empregar todas as cores, independentemente do seu xénero e escoller a profesión que se desexe. Todos e todas puidemos probar ese delicioso pan.
Esta actividade forma parte da colaboración do Concello de Arteixo, a través do CIM coa nosa escola.



venres, 30 de novembro de 2018

SEMANA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO

Esta semana traballamos na escola a celebración escolar do día da Non violencia de xénero. A nosa perspectiva dende a idade das nosas alumnas e dos nosos alumnos é de traballar a igualdade e o respeto de todos para todos, tratando de evitar a formación de estereotipos de xénero. 

Solicitamos a colaboración das familias para esta celebración. Dúas nais e un pai leron un conto da temática e logo fixemos unha actividade de mesa relacionada coa lectura. Temos que agradecer a asistencia de numerosos familiares: pais, nais, avós, avoas que enriqueceron a experiencia. Gracias especialmente a Jose que leu o conto pensado para o grupo de 3 anos “Ricitos de oso”, a Noelia que leu “Azul e Rosa” ao grupo de 4 anos e a María que nos leu a biografía adaptada “Marie Curie”. Gracias tamén a Roman, avó de Alain por ensinarnos palabras en polaco, a lingua nai de Marie Curie.

A escola ten concedida unha subvención do CIM de Arteixo para axudar a mercar libros e sufragar outras actividades próximas de temática igualitaria e non violenta.







sábado, 3 de novembro de 2018

SAMAÍN 2018


Como remate de celebración do Samaín, recibimos na escola a dous integrantes de Manicómicos que viñeron facer unha representación con contacontos, música, acrobacia e malabares sobre esta temática. Baixo os personaxes Coko e Flauterre estiveron a facer un espectáculo variado no que os nenos e as nenas o pasaron de medo.


mércores, 24 de outubro de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA

Celebramos o día da biblioteca acudindo a Bibliorrodís en dous grupos: primeiro o alumnado de 5º e 6º de Infantil e mais tarde o de 4º. Os nenos maiores lembraron e explicaron aos  pequenos que é o espazo de biblioteca  e as principais normas do seu uso. Logo fixemos unha postal conmemorativa coa nosa mascota Pataquiño.






MALETA VIAXEIRA

Durante este mes de Outubro temos concedido o préstamo solicitado de unha das maletas viaxeiras da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Esta maleta contén libros e xogos baixo o título Lectura e Diversidade. Os materiais están expostos nos andeis da entrada para que sexan máis doados de coller para as docentes e alumnado.

luns, 1 de outubro de 2018

ACTIVIDADES DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE ARTEIXO

Voltamos ao traballo e empezamos recomendándovos as actividades que propón o Concello nas diversas Bibliotecas Municipais para a animación á lectura e para pasar un ratiño de ocio cultural en familia. Hoxe mesmo na biblioteca de Oseiro tedes unha sesión teatral para nenos e nenas dende 4 años. O mércores na Biblioteca Central, no edificio de usos múltiples do Concello, hai unha actividade específica para nenos ata 4 anos. Aquí abaixo tedes imaxes da programación para o mes de outubro.

Aquí tedes enlaces para ver outras actividades culturais por toda Galicia, dentro da iniciativa Ler Conta Moito.

http://rbgalicia.xunta.es/solicitudes-subvencion-2018/calendario/index.php

https://www.cultura.gal/es/axenda




venres, 22 de xuño de 2018

REMATE DE CURSO E MURAL

O derradeiro día lectivo fixemos un circuíto de actividades ao aire libre para festexar a fin de curso. Os nenos puideron xogar a lanzar a diana, empregar zancos, xogar ao croquet e a diversos xogos populares, pintar e facer e perseguir pompas de xabrón. Tivemos a super sorpresa da visita de Rebecca, recén chegada do seu fogar no Reino Unido.







Na recta final de curso estamos mellorando o exterior da escola. Os artistas Mon Lendoiro e Cris realizaron un gran mural e empezaron a pintalo. A idea inicial era que os nenos e as nenas participaran na pintura pero o as condicións metereolóxicas adversas desta primavera fixeron que todo se retrasara e a participación tivo que ser menor do pensado. Aquí vedes como pintan a Pataquiño, a mascota da biblio, moi cerca da entrada principal coa axuda dos artistas.





luns, 18 de xuño de 2018

LECTURAS PARA O VERÁN


O curso remata e teremos mais tempo para compartir espazos e lecturas. Animámosvos a lerlles aos vosos fillos e fillas, a acompañalos si xa empezan a ler, a descubrir fermosos libros e encher o voso tempo con linguaxes variadas. Recordade que as bibliotecas públicas vos ofertan de balde numerosos materiais axeitados e axuda se a precisades. 

Estivemos a dar unha volta por algunhas librerías da comarca e atopamos moitísimos materiais interesantes. Escollemos algúns recentes para recomendarvos para este período estival, pero había moitos mais. Na nosa selección apostamos por albumes con interesantes reflexións sobre a diferenza (Monstro Rosa), os conflitos familiares (Irmáns!) e sociais ( Por qué?), a perspectiva de xénero (Cincenta e as zapatillas peludas) e o coidado da natureza (Naturizo). Éste último tamén se pode atopar co moneco. Algúns son orixinais en galego e outros están traducidos. Vos propoñemos un fermoso libro bilingüe inglés-castelán (Juntos-Together), un poemario (Ring, ring…), un libro con solapas de corte informativo sobre animais (Quen se agocha…), e outro sobre números, cores, formas da gran Liesbet Slegers, un libro sinxelo sobre Números no que os nenos teñen que facer o grafismo co dedo e dous libros con CD de cancións: A banda dos cueiros e No país do vento.



domingo, 17 de xuño de 2018

SAÍDA AO TEATRO

O pasado venres fixemos a derradeira saída do curso, programada dende outubro. Visitamos o Teatro del Andamio, na Coruña. Asistimos a unha representación con monicreques de “A verdadeira historia dos tres porquiños”. A obra  integra a historia tradicional con pequenos detalles modernizadores, con un importante punto de humor e está perfectamente adaptada para as idades do noso alumnado. Os nenos e as nenas disfrutaron moito e se comportaron marabillosamente.








mércores, 13 de xuño de 2018

RESULTADOS DA ENQUISA ÁS FAMILIAS

Na escola temos a convicción (e todos os estudos recentes nos avalan) de que ofertar aos nenos e as nenas un entorno cheo de libros dun xeito positivo e lúdico vailles axudar no seu presente e futuro desenvolvemento académico e vital. Quixemos saber a vosa opinión como familias sobre o tema. Velaquí vos deixamos os resultados da enquisa online. Agradecemos moitísimo a todos e todas os que se tomaron a molestia de responder, así como a aquelas familias que nos presentaron suxerencias ao longo do curso. Moitas grazas outra vez.


venres, 25 de maio de 2018

ENQUISA AVALIACIÓN DOS SERVIZOS DA BIBLIOTECA ESCOLAR

Como xa teredes visto, nas mochilas viaxeiras incluimos unha tarxeta para que poidades facer suxerencias sobre temas relacionados coa biblioteca escolar. As suxerencias que nos chegan son estudiadas e se teñen en conta. Vos pedimos que nos axudedes a avaliar as actividades que teñen unha relación mais directa con vos a traves deste documento. 
A enquisa é anónima e os datos de acceso á mesma non serán recompilados. A enquisa é breve e está dividida en 4 bloques: Préstamo domiciliario, Mochilas Viaxeiras, Blog da biblioteca e Outros, donde poderedes facer suxerencias de cara o vindeiro curso. Non vos levará mais de un minuto contestar. Vos agradecemos de antemán a colaboración.

MOITAS GRAZAS POLA COLABORACIÓN. EN BREVE PUBLICAREMOS OS RESULTADOS.

xoves, 17 de maio de 2018

LETRAS GALEGAS 2018

Onte festexamos na escola o día das Letras Galegas. Xuntámonos primeiro en Bibliorrodís onde a mestra Lidia recordou quen foi María Victoria Moreno, falou das obras que temos e explicounos que actividade íamos facer, pero antes visionamos unha curta dos Bolechas relacionada coa autora. Como a biblioteca se nos queda un pouco pequena para traballar todos a vez, marchamos á sá de usos múltiples. Alí puxémonos a pintar, recortar e pegar. Lidia leu os fragmentos das obras e os colocamos na parede en orde. Nun futuro próximo convertiremos este material en libros.

Vos deixamos imaxes explicativas da actividade, un enlace ao video e un recordatorio da nota que levaron a casa por si queredes saber mais.

Feliz día das Letras!!! Non vos esquezades de ler aos vosos fillos e fillas un ratiño.


martes, 15 de maio de 2018

MARÍA VICTORIA MORENO


A Real Academia Galega escolleu a María Victoria Moreno para revisar a súa obra e vida no presente 2018. María Victoria naceu nunha vila de Cáceres e chegou a Galicia con 22 anos. Falante de varias linguas adoptou o galego como lingua vehicular nun momento histórico non propicio e que lle levou a ter, durante un tempo,o pasaporte retido. Traballou como profesora de instituto e colaborou coa Ed. Galaxia ao tempo que escribía obras en galego fundamentalmente para público infantil e xuvenil . Nas súas propias verbas:

A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor.

Na escola temos dous exemplares de obras súas que están empezando a lerse nas aulas e que empregaremos maña na actividade conxunta de celebración das letras.


domingo, 6 de maio de 2018

EDUCACIÓN VIAL



Deixamos testemuña da visita da Policía Local de Arteixo nunha interesante xornada de Educación Vial. Primeiro en bibliorrodís proxectáronse dous contos  para introducir unha pequena reflexión sobre como auto protexernos con respecto aos vehículos nas vías públicas e o papel da policía local. De aquí saíron algunhas ideas interesantes para propoñer no futuro. Sen dúbida este é un tema prioritario a traballar na comunidade. Despois pasamos ao patio onde as nenas e os nenos tiveron a oportunidade de subir no coche e na moto da policía.




luns, 30 de abril de 2018

FESTA DO LIBRO


O venres pasado tivemos unha das datas máis sobranceiras do noso curso escolar: A festa do libro. Para realizar esta festa traballamos todos:  as nenas, os nenos, todas as docentes e tamén a coidadora, Amaya , a nosa auxiliar de conversa, Rebecca, e non esquecemos a Marina que logo ten que rematar de limpalo todo. Paga moito a pena, aquí aprendemos todos;  é un traballo en equipo e sabemos que ilusiona moito a toda a comunidade. Agradecemos moito a todos os familiares que acudiron ao evento. Nesta festa plurilingüe traballamos textos nas tres linguas da escola: Galego, Castelán e Inglés. 
Elaboramos un pase de fotografías para lembrar o vivido.


Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Slideshow design generated with Smilebox

mércores, 25 de abril de 2018

SAÍMOS NA PRENSA!

Onte achegáronse á escola dúas periodistas do xornal El Ideal Gallego para preguntarnos polo modelo plurilingüe que estamos a implantar dende este curso. Hoxe saímos na prensa!

luns, 23 de abril de 2018

CANTACONTOS NO DÍA DO LIBRO

Chegou o día do libro! Para nós é unha ocasión moi especial e sempre tentamos facer un día algo diferente. Este ano, en colaboración co Consorcio Editorial, tivemos a visita do artista Luís Vallecillo. Luís fixo unha sesión de Cantacontos. Coa guitarra na man foi cantando/contando varios contos coa inestimable axuda das nenas, os nenos e as mestras: Os tres porquiños, Xan Senmedo, A galiña azul (de Carlos Casares) e O bigote de Mimí (de Manuel María). Tamén bailamos e rematamos cun trenciño. O pasamos bárbaro.

Os nenos e as nenas levaron para casa un agasallo de Luís e un marcapáxinas do Plan de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Vos deixamos unhas fotos na montaxe e un enlace a páxina de Luís.


http://www.luisvallecillo.es/es/novedades/

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Slideshow customized with Smilebox

mércores, 11 de abril de 2018

VISITA Á B.P.M. DO FROXEL


Abril é o mes do libro e na escola andamos a preparar cousiñas para celebralo. Hoxe reflectimos a xa tradicional visita á Biblioteca Pública do Froxel, invitados polo concello de Arteixo, a que acudimos en autobuses como a unha festa. Desta xeira Ana, a monitora, nos contou unha historia adaptada dun conto de María Victoria Moreno, a homenaxeada nas Letras Galegas 2018. Tamén aproveitamos para cantar e manexar os libros da biblioteca.