venres, 23 de decembro de 2016

SOLEDAD FELLOZA EN BIBLIORRODÌS

O mércores pechamos trimestre cunha grande celebración. Tivemos na nosa biblioteca a marabillosa contadora de contos Soledad Felloza, autora do premiado libro “A cociñeira do Rei” publicado pola editorial OQO. Soledad contounos historias propias e doutros autores (Eric Carle, Nathalie Dargent…) Os nenos participaron activamente na sesión e gozaron moitísimo, como apreciaredes nas imaxes. Soledad fíxonos ao final un grande agasallo: entregounos un exemplar do seu libro dedicado e asinado!!




soledadfellozadic16 - Kizoa Editar Videos - Movie Maker


Outras actividades da escola na xornada foron a visita do Carteiro Real e unha merenda conxunta. Agradecemos ao concello de Arteixo que fixo posible a visita do Carteiro e que colaborou na de Soledad Felloza.




Que pasedes unhas boas festas de Nadal!!!!


xoves, 22 de decembro de 2016

CONFERENCIA DO DOUTOR JOSÉ D. MOURE


O martes pasado recibimos en Bibliorrodís a visita do Doutor José D. Moure, da Unidade de Alerxia e Neumoloxía Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago. O Doutor Moure impartiu unha interesantísima conferencia-coloquio para familias e docentes sobre a “Anafilaxia en el niño”. Este é un tema de plena actualidade na nosa escola ao ter un caso de alerxia alimentaria grave.
Na exposición e no posterior coloquio aclaráronse moitas dúbidas sobre as diferenzas entre alerxia e intolerancia, diversos tipos de alerxias e como actuar en caso de anafilaxia.
A organización desta charla debémoslla fundamentalmente á ANPA “O Loureiro”, en colaboración coa escola e coa axuda do concello que puxo unha monitora para atender aos nenos e as nenas.
A charla do Doutor Moure resultou moi didáctica, instrutiva e amena. Tivemos a ocasión de practicar a administración da adrenalina, única solución no caso de anafilaxia. Tamén nos entregou diversos materiais relacionados. A asistencia foi notable para unha escola das nosas características e participou activamente con preguntas moi axeitadas.
Grazas e parabéns á directiva da ANPA por esta valiosa iniciativa. 



mércores, 21 de decembro de 2016

IDEAS DE AGASALLOS DENDE A BIBLIOTECA

Vos facemos unha proposta de agasallos de libros para estas datas. Son títulos de actualidade que podedes atopar nas librerías. Son as nosas recomendacións pero hai moitísima oferta moi interesante. O mellor é achegarse ao comercio e botar unha ollada.
Vos lembramos sempre a posibilidade de visitar as bibliotecas municipais de Arteixo, abertas durante as vacacións, que vos permiten pasar un rato vendo centos de títulos axeitados para todos e tamén levar algún por uns días para casa.



domingo, 18 de decembro de 2016

TALLERES DE ARTE

Vos imos amosar un exemplo de uso dos materiais da biblioteca mais aló dos contos e relacionada co tema das bibliotecas escolares de Galicia deste curso: “Bibliotecas escolares, Territorio das Artes”

Unha  das actividades centrais na aula de apoio durante o este primeiro trimestre tomou como eixe  o libro “DIVIÉRTETE, Talleres de Arte con Hervé Tullet” da ed.Phaidon.


Hervé Tullet é un artista e ilustrador francés  coñecido internacionalmente,  con varios títulos de literatura infantil publicados en España polas editoriais Kókinos e Phaidon.  As súas obras son orixinais e estimulan a creatividade nos máis pequenos incluíndo textos que incitan a reflexionar. 

Durante as sesións empregamos a  música clásica recompilada en “Introducción a la música de concierto Las aves”  da ed, Océano Travesía que nos axudou a inspirarnos na nosa obra.

Os nenos e nenas de 3 anos pintaron con témpera empregando as cores do outono. Empregamos contagotas para practicar a prensión facendo “pinza”.
Os nenos e nenas de 4 anos traballaron  cooperativamente con témpera de cores vermello, azul e amarelo. 
Os nenos e nenas de 5 anos elaboraron as obras en conxunto, de modo que todos foron cambiando de sitio para pintar en tódolos debuxos, traballo cooperativo en témpera de cores vermello,  verde e amarelo. Cada cor ía acompañada dunha consigna a seguir: con amarelo raias curvas, con vermello raias rectas, con verde círculos. Deixamos secar e pegamos figuras xeométricas, pegatinas e papeis diversos. 

Quedaron encantados de coñecer esta obra de Hervé Tullet.





martes, 6 de decembro de 2016

TEMPO DE LECER, TEMPO DE LER


Estamos nas portas do Nadal, pero aínda no outono. Este ano o tempo atmosférico tan espléndido nos permite gozar do espectáculo das follas de cores. Na entrada da escola temos unha pequena exposición para ambientar a tempada, salientando o emprego dos libros no tempo de lecer. Practicando co exemplo estamos a levar ao patio a nosa bibliomóbil con grande aceptación como veredes nas imaxes.