venres, 22 de abril de 2016

DÍA DO LIBRO 2016



Hoxe celebramos o Día mundial do Libro cunhas actuacións dos nenos e as nenas da escola. Esta é unha actividade formativa dentro do noso plan anual de lectura. Forma parte das actividades encamiñadas ao desenvolvemento das capacidades do noso alumnado e intégrase principalmente na Área de Linguaxes: comunicación e representación do Currículo de Ed. Infantil.
O programa que preparamos foi o seguinte:
A aula de 3 anos narrou, cunha pequena dramatización e coa axuda da súa titora Isa,  o conto “Cocorico” de Marisa Núñez.
A aula de 4 anos representou o clásico “La ratita presumida
A aula de 5 anos representou o conto “Rosa Caramelo” de Adela Turin.
Os alumnos e as alumnas das aulas 4 e 5 cantaron con axuda de xestos as cancións “Put on you shoes! “ e “Head, shoulders, knees and toes”.
A continuación houbo un pequeno acto de remate de ciclo para os nenos e nenas do último curso.
Pechamos a festa cunha boa merenda.



O alumnado levou para casa un marcapáxinas e un díptico cun texto de Pedro Feijoo como agasallo para as bibliotecas escolares galegas e tamén outro marcapáxinas elaborado por eles no taller de Beti con moito amor.

sábado, 16 de abril de 2016

MONICREQUES EN BIBLIORRODÍS


O pasado luns tivemos a sorte de disfrutar en Bibliorrodís dun teatro de monicreques por cortesía do Programa de Atención á Poboación Migrante do Concello de Arteixo en colaboración coa ONG Ecos do Sur. Esta actividade programouse coas dinamizadoras do Concello Ana e Nora alá por outubro e segue estando, por desgraza, de suma actualidade. A obra, orixinal de Ecos do Sur, conta a historia dunha familia de dromedarios que ten que fuxir do seu fogar no deserto Sirio ao seren ameazados por unhas malvadas serpes e que finalmente chegan a Arteixo para ter unha vida en paz, sendo o pequeno da familia escolarizado na EEI de Vilarrodís. As nenas e os nenos lles gustou tanto que lles pareceu corta! Despois da representación pasamos a colorear unhas imaxes da familia protagonista.

  

domingo, 10 de abril de 2016

VISITA A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE O FROXEL

A semana pasada asistimos á tradicional cita coa Biblioteca Municipal do Froxel, invitados pola rede de Bibliotecas Municipais de Arteixo. Asistimos en dúas quendas:  O grupo de 5 anos primeiro e os grupos de 4 e 3 xuntos á  volta.
Este ano agardábanos Pizpireta para contarnos 3 historias nas que fixo participar a nenas e nenos. A primeira historia tiña como protagonistas ao pintor Joan Miró e unhas manchas de cores. No seguinte relato o monstro Comemedo alimentábase dos medos dos demais para medrar. A derradeira historia nos levou de viaxe cunha tribo india que precisaba chuvia.
Os nenos e as nenas estiveron moi atentos, participativos e divertíronse moito.
Na presentación veredes fotos do primeiro turno. No blog dos Pequechos e no blog dos Pequevilochos podedes ver fotos do segundo turno. 

sábado, 2 de abril de 2016

ÍMOS AO TEATRO


O 27 de marzo é o Día Internacional do Teatro, así que dende a escola programamos nunha data próxima unha visita ao "Teatro del Andamio" situado no barrio dos Rosales na Coruña. Como escola é unha saída que xa fixemos noutros cursos e que nunca defrauda. O teatro do Andamio está especializado no público infantil e ten programación durante todo o ano para asistir ós seus espectáculos coa escola ou en familia por un módico prezo. Onte asistimos á representación da obra "Caperucita no desván". O espectáculo, que durou uns 50 minutos, amosou unha versión do popular conto dende o punto de vista do “teatro dentro do teatro” moi ben preparada para nenos e nenas pequenos, pero tamén para non aburrir aos maiores. Debemos dicir que nos “encheu de orgullo e satisfacción” a sincera felicitación que os compoñentes da compañía teatral lle fixeron ás nenas e ós nenos polo seu excelente comportamento: atentos, rindo e participando cando tocaba e gardando silencio no resto da representación. Marabillosa experiencia.