venres, 19 de xuño de 2015

RECOMENDAMOS LECTURAS PARA O VERÁN


O curso remata, pero as bibliotecas municipais seguen abertas no verán. por aquí cerquiña tedes a de O Froxel, e preto do CEIP de Galán está a de Oseiro. Alí podedes pasar un rato cos vosos fillos e fillas ollando contos ou levándoos en préstamo para casa. Tamén tedes DVDs, revistas... Considerádeo como unha forma máis de ocio.

Nos estivemos de visita polas librerías e seleccionamos algúns dos libros que nos pareceron interesantes para contarlles ás nenas e aos nenos. Algúns poden dar pé para falar de sentimentos como os celos pr un novo irmán (El niño nuevo), a amizade e os enfados (Calma), a hixiene (En casa de los tres cerditos huele mal); outros serven para falar das vacacións, informarse, aumentar o vocabulario, coñecer outras realidades, ou simplemente para divertirse!



sábado, 13 de xuño de 2015

TEATRO E MÚSICA DENDE O CEIP DE GALÁN

O pasado xoves unha representación do alumnado do CEIP de Galán chegou a Vilarrodís acompañados por dous mestres a marabillarnos co seu arte. Nos ofreceron unha representación do conto "Os tres pelos do Demo" e outra de "A casa da mosca chosca". Os alumnos e alumnas de 4ºB, dirixidos pola súa titora, cantaron unha mestura de cancións tradicionais galegas e dúas das nenas tocaron a pandeireta como profesionais. Con eles rimos (algo que sempre é de agradecer) e cantamos. Logo os nenos e nenas da escola interpretaron a canción "Piratas" de Pablo Díaz. Despois convidámolos a galletas e merendamos na aula de usos múltiples. Esperamos poder repetir o curso que ven.
As mestras además emocionámonos ao volver a ver a varias ex-alumnas e ex-alumnos, xa crecidiños e comprobar que aínda recordan a nosa escola.
Gracias por vir e facernos pasar tan bo rato!

luns, 1 de xuño de 2015

JOSÉ DOMINGO, ILUSTRADOR



Coincidindo coa finalización de etapa do grupo de 5 anos mantivemos, na biblioteca da escola, un encontro co debuxante de banda deseñada José Domingo. Nos días previos preparamos unha exposición no corredor cos libros nese tipo de formato que temos en Bibliorrodís.

Os obxectivos do encontro foron achegarnos ao proceso creativo que seguen este tipo de profesionais antes de chegar ao produto final: eses cómics que cada vez nos gustan máis! , e tamén iniciarnos no significado de cada unha das partes que hai neste tipo de libros, así como nos diferentes tipos que podemos atopar (sen texto, con algo de texto, con onomatopeas,etc).

Comezamos o obradoiro achegándonos ao punto de partida da creación dunha historia de banda deseñada. José Domingo díxonos que neste caso,  el pensara en el mesmo e nun ourizo que se atopou no mar. Un ourizo que estaba preocupado porque algún humano quería levalo ao seu prato. Acordamos o nome do ourizo que finalmente sería ORI. A partir de aí, JD convidounos a pensar na nosa personaxe especial, esa coa que nos gustaría compartir unha historia da que cada un de nós seríamos protagonistas. Antes de pasar ao papel, vimos da man del na PDI como poden ser as distintas expresións das personaxes, como debuxalas,...dándonos algunhas pistas e trucos. Descubrimos a importancia de debuxar as cellas para resaltar as expresións que desexamos....vaia descubrimento!!!, non pestanexabamos mirando como facía el e os efectos que provocaba.

Visto isto pasamos ao papel, e así cada quen debuxaríamos dúas personaxes (unha seríamos nós e outra inventada), poñeriámoslles nome,e pensaríamos algúns obxectos especiais para eles, que tamén aparecerían na historia. Como isto é unha tarefa longa e contábamos con pouco tempo, só iniciamos a actividade, para acordar rematala  en días posteriores na aula.

A continuación, de novo na PDI, viu a parte máis sorprendente para nós....Descubrimos que JD é un grande debuxante de monstros, e niso anda na derradeira obra que sairá ao mercado en Outubro. Presentounos a portada da historia, e xogamos a comentar os distintos elementos que víamos nela. Foi moi divertido, e vaia vista de lince que amosamos!!! 

Finalmente propúxonos crear un monstro entre todos, el ía preguntando como o queríamos e coa información que aportabamos ía debuxando. Acordamos que fóra un trol de tres cabezas. Comentaba características deste tipo de "personaxes" e caracterizábao en diálogo continuo con nós. E ao remate, o mellor,...buscar un nome. Entre moitos que dixemos el propúxonos formar un que fora a composición de dous dos que dixéramos, e así foi, quedoulle : KOMEMOKOS.






A páxina web de José Domingo é http://www.josedomingo.net/