mércores, 16 de decembro de 2015

LIBROS LUMINOSOS PARA O NADAL

O Nadal é tempo de luz, física e metafórica. Vos expoñemos unha selección de libros para o Nadal no que o tema da luz está presente. Lembrade sempre que para que os nenos e as nenas lean non hai nada mellor que vexan ler e que lles lean dende antes de que eles sexan capaces de facelo. Animámosvos a poñer un libro entre os agasallos destas datas e/ou a facer unha visita ás bibliotecas municipais para pasar un ratiño de ocio.




luns, 14 de decembro de 2015

XOGANDO CON LIBROS E A LUZ

A semana pasada tivemos ao grupo de 3 anos na biblioteca participando nunha actividade de animación á lectura a través dun libro diferente: “Los dinosaurios” de Ignasi Valios publicado por Anaya. Este libro ten a particularidade de que hai que velo as escuras. Nas súas páxinas hai imaxes fosforescentes que reaccionan coa luz e só se poden apreciar cando esta desaparece. Estivemos xogando a expoñer o conto á luz diúrna e apartarnos para a escuridade para ver as imaxes aparecer. Logo pintamos un dinosauro con pintura fosforescente.  

Outro libro diferente para falar da luz, e que vimos co grupo de 5 anos fai unhas semanas, é o fermoso e poético “El libro negro de los colores”, publicado por Libros del Zorro Rojo,  que nos fixo pensar como poden sentir as cores e como poden ler as persoas con limitacións de vista.


 “Una abuela un poco bruja” publicado pola ed. SM e un conto para nenos e nenas a partires dos 5 anos no que cunha lanterna, e levantando solapas, aparecen sombras de cousas inesperadas. 


Para xogar aos semáforos e iniciarnos na educación viaria dispoñemos de material da Dirección Xeral de Tráfico, como por exemplo o conto "Desi, Lino e Foro".  Nas sesións de inglés en tres anos traballanse os semáforos (traffic lights) non só para falar do código lumínico senon tamén para distinguir as cores (red, green, orange) e accións (stop, go)





martes, 24 de novembro de 2015

A ANPA ORGANIZA UN CONTACONTOS PARA MAGOSTO


A tarde do martes da semana pasada a ANPA do centro organizou unha festa de Magosto con contacontos. Estamos seguras que todos e todas gozamos da función, da estupenda merenda e da magnífica tarde de outono. A organización foi impecable e o contacontos  estivo a cargo de Anxo Moure do que somos fans totais.
Recollemos unha foto do blog de VilaTrasna e vos poñemos os enlaces ás entradas que fan referencia ao evento.
Aproveitamos para enlazar na columna do lado o blog da ANPA.



http://ospequechosdevilarrodis.blogspot.com.es/2015/11/festa-da-castana.html

mércores, 11 de novembro de 2015

MES DA CIENCIA NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES















Este mes de novembro está dedicado á ciencia nas bibliotecas escolares. O lema das bibliotecas escolares galegas deste curso é: Biblioteca Escolar, Base de Exploracións. Este lema incide no uso dos documentos e materiais das bibliotecas como fonte para descubrir o mundo, para investigar, para alentar a curiosidade nos nosos nenos e nenas, inicio do coñecemento científico. 

Na escola de Vilarrodís durante este mes (aínda que xa comezamos no pasado outubro) estamos a facer incidencia nun tema científico moi amplo, acolléndonos ao ditame da UNESCO de celebrar neste 2015 o Ano Internacional da Luz e Tecnoloxías baseadas na Luz. 

Este tema danos  moito xogo en Infantil porque podemos falar do sentido da vista, entender que sen luz non funciona, e aspectos da percepción como os colores, as formas, as ilusións ópticas… ; tratar os instrumentos ópticos inventados para potenciar ou solucionar aspectos relacionados coa vista; coñecer  códigos luminosos como os dos semáforos ou os faros costeiros;   a iluminación artificial, etc.

Dende a biblioteca escolar aportamos unha exposición de libros divididos en dous bloques: os informativos (que aportan datos obxectivos) e  lecturas informais (contos, poesías..). Tamén aportamos outros materiais como o Taboleiro de luz e as Tablets. Na entrada da escola pintamos imaxes do faro da Torre de Hércules de día e de noite.

Temos que agradecer a Biblioteca Municipal de Arteixo o empréstito que nos realizou para a exposición.

Por último comentarvos que esta semana a entrada aos museos científicos de A Coruña ( Casa dos Peixes, Domus e Casa das Ciencias) é de balde.
  https://www.facebook.com/casaciencias/





sábado, 31 de outubro de 2015

SAMAÍN 2015

Xa vai sendo tradición que na escola celebremos un pequeno festival polo Samaín. Decoramos a escola con motivos alusivos ao momento e as familias colaboran enviando fermosas creacións artísticas a partir dunha cabaza ou calacú. Se traballan nas aulas algúns aspectos relacionados co tema e preparanse pequenas actuacións para representar ante os demáis alumnos e alumnas, sen presión de facelo perfecto é nun ambiente relaxado.
O programa deste ano era o seguinte:

Aula 3: Recitado do poema “Hojas de Otoño” e canción “Otoño llegó”
Aula 4: Canción “El brujito de Gulubú”
Aula 5: Representación dramática “O Papón”
Inglés: Canción “Can you make a happy face”
Biblioteca: Lectura dun conto a escoller polos nenos e nenas.

Se lles ofertou para escoller os seguintes títulos:








O elixido foi o libro de Kazuno Kohara "The haunted house" publicado en castelán pola Ed. Picarona.



Ao final tivemos baile e xogos musicais.

Esta é a canción que preparamos dende as sesións de lingua inglesa, traballando tamén o vocabulario das partes da cara e a educación emocional.


Aquí tedes unha montaxe con fotos tomadas do evento.

OS PEQUEVILOCHOS

A nosa familia bloguera aumenta cun novo membro. A mestra de 3 anos, Isa,  acaba de comezar un blog para ir colgando as experiencias da aula. Benvido e longa vida.




martes, 13 de outubro de 2015

BIBLIOPATIO

Este curso introducimos unha nova sección da biblioteca escolar. Sacamos un estante ao patio cuberto coma unha opción máis para o tempo de ocio. As fotos que acompañan son dos primeiros días da actividade. De forma completamente voluntaria e coas mínimas normas de orde e respecto polos materiais, os nenos e as nenas alternan os xogos con algunha ollada aos libros. Naturalmente non saben ler, pero si poden fabular, compartir momentos, estimular a creatividade e fomentar o interese na lectura que fará mais doado o aprendizaxe cando o seu desenvolvemento neurolóxico o permita.



xoves, 1 de outubro de 2015

REINICIANDO




Comezamos unha nova andadura en Bibliorrodís, moi contentas co apoio da Consellería no marco do PLAMBE de mellora de bibliotecas escolares. O traballo de toda a comunidade educativa ( as actividades nas aulas, as visitas das familias e o apoio co préstamo, as actividades propostas polo Concello…) a prol da animación á lectura, deron un magnífico froito. Aquí tedes o enlace á páxina web das Bibliotecas escolares por si queredes saber máis:


Mañá iniciaremos o servizo de préstamo domiciliario nos mesmos termos que nos cursos pasados e explicados polas titoras na reunión inicial de curso. O alumnado novo na escola levou unha notiña hoxe como recordatorio. Vos lembramos  tamén que si tedes interese nalgún título concreto non deixedes de comentárllelo  á titora ou a responsable da biblioteca.

venres, 19 de xuño de 2015

RECOMENDAMOS LECTURAS PARA O VERÁN


O curso remata, pero as bibliotecas municipais seguen abertas no verán. por aquí cerquiña tedes a de O Froxel, e preto do CEIP de Galán está a de Oseiro. Alí podedes pasar un rato cos vosos fillos e fillas ollando contos ou levándoos en préstamo para casa. Tamén tedes DVDs, revistas... Considerádeo como unha forma máis de ocio.

Nos estivemos de visita polas librerías e seleccionamos algúns dos libros que nos pareceron interesantes para contarlles ás nenas e aos nenos. Algúns poden dar pé para falar de sentimentos como os celos pr un novo irmán (El niño nuevo), a amizade e os enfados (Calma), a hixiene (En casa de los tres cerditos huele mal); outros serven para falar das vacacións, informarse, aumentar o vocabulario, coñecer outras realidades, ou simplemente para divertirse!



sábado, 13 de xuño de 2015

TEATRO E MÚSICA DENDE O CEIP DE GALÁN

O pasado xoves unha representación do alumnado do CEIP de Galán chegou a Vilarrodís acompañados por dous mestres a marabillarnos co seu arte. Nos ofreceron unha representación do conto "Os tres pelos do Demo" e outra de "A casa da mosca chosca". Os alumnos e alumnas de 4ºB, dirixidos pola súa titora, cantaron unha mestura de cancións tradicionais galegas e dúas das nenas tocaron a pandeireta como profesionais. Con eles rimos (algo que sempre é de agradecer) e cantamos. Logo os nenos e nenas da escola interpretaron a canción "Piratas" de Pablo Díaz. Despois convidámolos a galletas e merendamos na aula de usos múltiples. Esperamos poder repetir o curso que ven.
As mestras además emocionámonos ao volver a ver a varias ex-alumnas e ex-alumnos, xa crecidiños e comprobar que aínda recordan a nosa escola.
Gracias por vir e facernos pasar tan bo rato!

luns, 1 de xuño de 2015

JOSÉ DOMINGO, ILUSTRADOR



Coincidindo coa finalización de etapa do grupo de 5 anos mantivemos, na biblioteca da escola, un encontro co debuxante de banda deseñada José Domingo. Nos días previos preparamos unha exposición no corredor cos libros nese tipo de formato que temos en Bibliorrodís.

Os obxectivos do encontro foron achegarnos ao proceso creativo que seguen este tipo de profesionais antes de chegar ao produto final: eses cómics que cada vez nos gustan máis! , e tamén iniciarnos no significado de cada unha das partes que hai neste tipo de libros, así como nos diferentes tipos que podemos atopar (sen texto, con algo de texto, con onomatopeas,etc).

Comezamos o obradoiro achegándonos ao punto de partida da creación dunha historia de banda deseñada. José Domingo díxonos que neste caso,  el pensara en el mesmo e nun ourizo que se atopou no mar. Un ourizo que estaba preocupado porque algún humano quería levalo ao seu prato. Acordamos o nome do ourizo que finalmente sería ORI. A partir de aí, JD convidounos a pensar na nosa personaxe especial, esa coa que nos gustaría compartir unha historia da que cada un de nós seríamos protagonistas. Antes de pasar ao papel, vimos da man del na PDI como poden ser as distintas expresións das personaxes, como debuxalas,...dándonos algunhas pistas e trucos. Descubrimos a importancia de debuxar as cellas para resaltar as expresións que desexamos....vaia descubrimento!!!, non pestanexabamos mirando como facía el e os efectos que provocaba.

Visto isto pasamos ao papel, e así cada quen debuxaríamos dúas personaxes (unha seríamos nós e outra inventada), poñeriámoslles nome,e pensaríamos algúns obxectos especiais para eles, que tamén aparecerían na historia. Como isto é unha tarefa longa e contábamos con pouco tempo, só iniciamos a actividade, para acordar rematala  en días posteriores na aula.

A continuación, de novo na PDI, viu a parte máis sorprendente para nós....Descubrimos que JD é un grande debuxante de monstros, e niso anda na derradeira obra que sairá ao mercado en Outubro. Presentounos a portada da historia, e xogamos a comentar os distintos elementos que víamos nela. Foi moi divertido, e vaia vista de lince que amosamos!!! 

Finalmente propúxonos crear un monstro entre todos, el ía preguntando como o queríamos e coa información que aportabamos ía debuxando. Acordamos que fóra un trol de tres cabezas. Comentaba características deste tipo de "personaxes" e caracterizábao en diálogo continuo con nós. E ao remate, o mellor,...buscar un nome. Entre moitos que dixemos el propúxonos formar un que fora a composición de dous dos que dixéramos, e así foi, quedoulle : KOMEMOKOS.






A páxina web de José Domingo é http://www.josedomingo.net/

sábado, 16 de maio de 2015

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS CON PABLO DÍAZ

Onte tivemos a celebración especial do día das Letras Galegas, e que mellor forma de facelo que cantando en galego! Pablo Díaz e Diego tocaron e cantaron cancións xa coñecidas polos nenos e as nenas da escola. Nas aulas, entre outros traballos da semana, realizáronse uns colgantes de cada neno como piratas. "Piratas" é o nome dunha das cancións do libro-disco "Toc Toc" de Pablo  con ilustracións de Nuria Díaz e publicado pola ed. Galaxia.


Nesta montaxe vedes o producto en papel dunha secuencia didáctica sobre o artista e a súa obra creada por Raquel e os nenos e nenas de 5 anos na aula de Audición e Linguaxe.


Invitamos ás familias para a ocasión e nos levamos a grata sorpresa de unha asistencia superior ao esperado. Grazas por vir!!! Aquí vos deixamos as fotos do evento.

mércores, 13 de maio de 2015

ARTEIXO INNOVACIÓN

Fai uns meses o Concello de Arteixo lanzou un proxecto destinado aos centros escolares do concello co obxectivo de mellorar a dotación tecnolóxica e favorecer o uso das TICs (Tecnoloxías de Información e Comunicación) na docencia.
A nosa escola sumouse ao proxecto Arteixo Innovación e recibimos unha xenerosa aportación económica que nos permitiu mercar unha nova pizarra dixital, algunhas tablets e arranxar certos problemas técnicos.
A semana pasada celebráronse no Multiusos unhas xornadas abertas ao público para compartir experiencias dos centros. Nas xornadas vimos diferentes traballos de infantil, primaria, secundaria e incluso formación profesional. A escola de Vilarrodís participou coas mestras Beti e Meli amosando algunhas das actividades que se teñen feito empregando as novas tecnoloxías. Compartimos tamén a nosa preocupación polo uso san e axeitado á idade das novas ferramentas que xa non son o futuro senón o presente nas nosas vidas e nas dos nosos nenos e nenas.  Aquí vos deixamos unhas fotos, tomadas por Mariceli e polas compañeiras da EEI de Barrionovo. Grazas a todas!!





Paralelamente ofertouse tamén un concurso para as ANPAs que presentasen un proxecto relacionado coas TICs. A ANPA “O Loureiro” da escola de Vilarrodís participou no concurso e acadou o Terceiro premio. A nosa máis sincera NORABOA ao equipo directivo e as familias que pertencen á mesma.  BRAVO!!!

venres, 1 de maio de 2015

TEATRO "A BAIUCA"

Este xoves recibimos na escola ao grupo de teatro de maiores "A Baiuca". Desta volta representaron o conto "A casa da mosca chosca" de Eva Mejuto.Moitos dos nenos e as nenas coñecen xa a historia, o que fai a experiencia máis interesante. Sempre é un placer recibir a este grupo tan xoven de espíritu. Grazas por vir a a celebrar o mes do libro con nós.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Another photo slideshow by Smilebox

xoves, 23 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO 2015

Hoxe celebramos o día do libro con varias actividades nas aulas: decoración dun marcapáxinas conmemorativo,  lectura de contos …
Unha que nos gustou moito foi a lectura que fixo Gael, da aula 5, de dous contos creados e ilustrados por el mesmo. Un auténtico escritor e artista!!



Este ano decidimos preguntarlle a cada nena e a cada neno cal é o seu conto preferido da biblioteca (o que neste momento máis lles gusta) e lles fixemos unha foto posando con el. Con todas as fotos estamos a facer unha exposición no corredor.  Esperamos rematar mañá de colocar as que fallan.