mércores, 29 de outubro de 2014

TEMPO DE OUTONO, TEMPO DE SAMAÍN

Estamos no tempo do outono, achégase o Samaín e comenzan os magostos. Nestes intres na escola andamos moi activos. Temos traballado aspectos do outono con observación da natureza da escola ,(que continuará...) e desenvolvendo as competencias básicas a través deste tema. Tamén estamos co Samaín a voltas. Coma outros anos pedimos a colaboración das familias para decorala escola e coma os outros anos estamos marabillados da resposta. As cabazas que chegan das casas, por imposible que pareza, cada ano son mais orixinais e traballadas. Os nenos, nenas e as mestras estamos encantados de gozar uns días desta arte. MOITÍSIMAS GRAZAS A TODOS.


Dende a biblioteca temos feito unha colleita de libros relacionados cos medos e colocado unha exposición para o seu uso nestas datas. Axuntamos un cadro cos títulos expostos e algúns dos libros empregados na clase de inglés.




Non vos perdades as entradas nos outros blogs da escola, onde se reflicte parte do que as nenas e os nenos están a realizar para desenvolver as competencias básicas: comunicación lingüística, competencia no coñecemento e interacción no mundo físico, competencia cultural e artística...

Continuará...

xoves, 9 de outubro de 2014

RETOMAMOS O PRÉSTAMO DOMICILIARIO

Entre xuño e setembro estivemos a facer inventario e expurgo dos fondos da biblioteca. Agora xa podemos retomar o servizo de préstamo domiciliario, que como sinalaba na notiña que levaron as nenas e os nenos para casa, segue a ser no mesmo formato que en cursos anteriores. Para o grupo de 3 anos é unha novidade claro está. Recordamos que os libros van nunha bolsiña de tea co logo da nosa biblioteca, o debuxo de Pataquiño, (realizado por nenos e nenas que estiveron na escola) e unha tarxeta co nome do cativo correspondente. A bolsiña se leva o venres e se trae de volta o luns seguinte. Algúns libros gustarán máis e outros menos, pero en todo caso desexamos que pasedes un bo momento compartindo lectura cos vosos fillos e fillas. 

domingo, 5 de outubro de 2014

CONTACONTOS FAMILIARES EN BIBLIORRODÍS

Estamos comezando a recibir familias en Bibliorrodís. De acordo coas titoras, o representante das familias que o desexe  ven á biblioteca da escola a contar un conto a todas as nenas e nenos da clase do seu fillo ou filla. Os primeiros en vir son os familiares da aula de 4 anos. Polo de agora tivemos o gusto de escoitar a Lorena, a nai de Lidia, co conto “La ratita presumida” e a Esmeralda, a nai de Sergio, co conto “La vaca que puso un huevo”. Despois do conto fixemos algunhas actividades relacionadas. Podedes ver na secuencia de fotos o contentos que están os peques e como traballaron. Grazas, Lorena e Esmeralda, por facernos pasar un rato tan agradable!!!