martes, 23 de decembro de 2014

CONTACONTOS EN FAMILIA III

Para rematar o ano 2014 fixemos unha montaxe con fotos das visitas das familias á Bibliorrodís para contar un conto ao grupo do seu neno ou nena. Seguimos na aula de 4 anos e desta volta visitáronnos Mariví, María Jesús, Sandra, Lourdes e Alberto.
Mariví veu con Aitor a contarnos "A Galiña Roxa"; María Jesús, a nai de Jesús, leu e representou "A que sabe a Lúa"; Sandra e Andrea fixeron o mesmo con "O coelliño branco"; Lourdes, a nai de Noemí, decantouse por "Caperucita Roja" e Alberto, con Noelia moi pegadiña, contounos "Cocorico".
Todas estas historias son moi apreciadas polos pequenos e as pequenas, e por suposto foron un éxito. Despois do conto fixemos actividades musicais, de dramatización, coa Pizarra dixital, unha ficha...Tivemos momentos divertidos, entrañables, as veces con algo de nervios, pero ao fin, sempre positivos.
Moitísimas grazas a todos por vir!

Familias dec 2014 - Kizoa Movie Maker


FELICES FESTAS E VENTUROSO ANO NOVO!!!!

domingo, 21 de decembro de 2014

FESTA DE NADAL 2014



Para pechar trimestre tivemos un día completiño de actividades diferentes. Primeiro, sobre as 10 da maña, recibimos ao Rato Fuco, da coñecida compañía teatral TrinkeTrinke. Fuco nos contou o conto "Suave e quentiño" de Bijou Le Tord, e logo dramatizamos o conto  "Os Tres Porquiños".
Sobre as 11 recibimos na Biblioteca ao Carteiro Real asistido por un paxe. A continuación tivemos unha merenda e sobre a unha saímos ao patio a xogar.
Aquí tedes unha montaxe de fotos do día e un vídeo coa representación do conto.
Para rematar por este ano quédanos unha entrada dos últimos contacontos familiares que subiremos proximamente. 

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This free slideshow design created with Smilebox




martes, 16 de decembro de 2014

LER EN FAMILIA NO NADAL

Cada ser humano é único dende o seu nacemento. Evolucionamos e imos "persoanizándonos" na medida que vivimos experiencias e as imos incorporando ao noso ser. Cada un vive esas experiencias dende unha perspectiva subxectiva e diferente. Este preámbulo ven a conto de que, como cada ano,  vos presentamos un listado de libros que vos recomendamos porque nos parecen interesantes para os nenos e as nenas de 3 a 6 anos, pero hai que ter en conta que cada un ten uns gustos particulares e unha evolución madurativa propia. Todos son para compartir e lerlles en familia. Recollemos títulos moi diferentes para gustos diferentes: un libro un tanto surrealista pero divertido ("Como esconder un león a la abuela"), outro para os que lles gusta o medo ("O soño de Esther"), un libro sen texto para observar, pensar e falar ("Antes, después"), un conto clásico despregable ("Los tres cerditos"), varios libros con cancións, etc. Todos eles son materiais deste ano que remata e os poderedes atopar dun xeito doado en calquer libraría. Por suposto hai moitos mais materiais interesantes nas librarías, deste e doutros anos.
As recomendacións teñen unha selección de fermosos debuxos realizados polas nenas e os nenos da aula de 5 anos.
Para os que desexen outras opinións sobre o libro infantil e xuvenil vos propoñemos estes dous enlaces recentes:
http://cultura.elpais.com/cultura/2014/12/10/babelia/1418236371_037200.html

http://cultura.elpais.com/cultura/2014/12/10/babelia/1418235857_164824.html



xoves, 27 de novembro de 2014

PATAQUIÑO FOI DE COMPRAS

Temos no corredor da escola unha mostra das novidades que enriquecen a  Bibliorrodís. Tentamos escoller materiais útiles e polivalentes. Contos que nos dan pé para traballar diferentes temas, libros de información para proxectos, libros con música …
Tamén neste trimestre fomos as bibliotecas municipais de O Froxel e a Henrique Rabuñal (central) a buscar un lote de libros resultantes do expurgo que fixeron en Froxel e Meicende. Coma sempre vos animamos a que fagades visitas as bibliotecas municipais e sobre todo as actividades para os nenos e as nenas que ofertan.   

venres, 14 de novembro de 2014

CONTACONTOS EN FAMILIA II

No pasado mes de outubro tivemos en Bibliorrodís a grata visita de Sonia, a nai de Arón, que veu a contar "Os tres porquiños". Tamén nos visitou a familia de Sara. Inés, a nai de Sara, contou o conto de medo "O Papón". Despois dos contos se fixeron diferentes actividades relacionadas cos contos: cancións, traballo de mesa de picado ou debuxo, "lectura" informal... As familias puideron pasar un ratiño cos nenos e as nenas no ambiente escolar. Para Arón e Sara queda a emoción de ter os seus seres queridos na escola. Dende a biblioteca queremos agradecer a Sonia e Inés a súa presenza e disposición.
Se sodes persoas observadoras vos decataredes de que entre unas fotos e outras hai diferenzas xa que lle dimos una volta a distribución da biblioteca para que quedara mais acolledora. Ao noso parecer agora está moito mellor.

Contacontos familias on PhotoPeach

luns, 3 de novembro de 2014

FESTIVAL DO OUTONO, SAMAÍN E O MAGOSTO

O xoves pasado fixemos unha xuntanza na aula de psicomotricidade e eventos da escola para festexar o Samaín, o Outono e o Magosto. Todo dentro da tradición galega de celebrar o fin da colleita, da vendima e o tempo dos santos e os defuntos, últimamente influenciada pola cultura anglosaxona. Dende o punto de vista pedagóxico  esta xuntanza cumple varios obxectivos, ademáis do propio de salientar os feitos socioculturais, fomenta a expresividade corporal e lingüística en grupo, a animación a lectura, aspectos de control de comportamento e da atención, etc. Ao facelo dentro da escola e maioritariamente en grupo, a presión polo resultado non é tan grande e polo tanto a experiencia é pracenteira. Vamos, que todos e todas o pasamos ben.


Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Create a free digital slideshow




Non nos resistimos a facer unha montaxe con imaxes dalgúns traballos do outono e Samaín que temos feito, así como fotografías mais detalladas das cabazas traídas das casas.


mércores, 29 de outubro de 2014

TEMPO DE OUTONO, TEMPO DE SAMAÍN

Estamos no tempo do outono, achégase o Samaín e comenzan os magostos. Nestes intres na escola andamos moi activos. Temos traballado aspectos do outono con observación da natureza da escola ,(que continuará...) e desenvolvendo as competencias básicas a través deste tema. Tamén estamos co Samaín a voltas. Coma outros anos pedimos a colaboración das familias para decorala escola e coma os outros anos estamos marabillados da resposta. As cabazas que chegan das casas, por imposible que pareza, cada ano son mais orixinais e traballadas. Os nenos, nenas e as mestras estamos encantados de gozar uns días desta arte. MOITÍSIMAS GRAZAS A TODOS.


Dende a biblioteca temos feito unha colleita de libros relacionados cos medos e colocado unha exposición para o seu uso nestas datas. Axuntamos un cadro cos títulos expostos e algúns dos libros empregados na clase de inglés.




Non vos perdades as entradas nos outros blogs da escola, onde se reflicte parte do que as nenas e os nenos están a realizar para desenvolver as competencias básicas: comunicación lingüística, competencia no coñecemento e interacción no mundo físico, competencia cultural e artística...

Continuará...

xoves, 9 de outubro de 2014

RETOMAMOS O PRÉSTAMO DOMICILIARIO

Entre xuño e setembro estivemos a facer inventario e expurgo dos fondos da biblioteca. Agora xa podemos retomar o servizo de préstamo domiciliario, que como sinalaba na notiña que levaron as nenas e os nenos para casa, segue a ser no mesmo formato que en cursos anteriores. Para o grupo de 3 anos é unha novidade claro está. Recordamos que os libros van nunha bolsiña de tea co logo da nosa biblioteca, o debuxo de Pataquiño, (realizado por nenos e nenas que estiveron na escola) e unha tarxeta co nome do cativo correspondente. A bolsiña se leva o venres e se trae de volta o luns seguinte. Algúns libros gustarán máis e outros menos, pero en todo caso desexamos que pasedes un bo momento compartindo lectura cos vosos fillos e fillas. 

domingo, 5 de outubro de 2014

CONTACONTOS FAMILIARES EN BIBLIORRODÍS

Estamos comezando a recibir familias en Bibliorrodís. De acordo coas titoras, o representante das familias que o desexe  ven á biblioteca da escola a contar un conto a todas as nenas e nenos da clase do seu fillo ou filla. Os primeiros en vir son os familiares da aula de 4 anos. Polo de agora tivemos o gusto de escoitar a Lorena, a nai de Lidia, co conto “La ratita presumida” e a Esmeralda, a nai de Sergio, co conto “La vaca que puso un huevo”. Despois do conto fixemos algunhas actividades relacionadas. Podedes ver na secuencia de fotos o contentos que están os peques e como traballaron. Grazas, Lorena e Esmeralda, por facernos pasar un rato tan agradable!!!

xoves, 11 de setembro de 2014

INICIAMOS O CURSO CUN BO PLAN

Benvidos e Benvidas ao novo curso. Estamos especialmente contentas porque acaban de concedernos o PLAMBE de Mellora de Bibliotecas Escolares. Moitos diredes... e iso que ven sendo? Pois nós que somos mestras e nos encanta o noso traballo vos contamos:
O PLAMBE é un programa especial da Consellería de Educación para apoiar a aqueles centros educativos da comunidade que traballan decididamente coa biblioteca escolar para dotalos de maior presuposto e dar formación profesional específica para os docentes do mesmo.

Para unha escola pequena como a nosa, e de ensino non obligatorio, é un gran reforzo económico e profesional.

Este programa é a vez un premio e unha gran responsabilidade porque implica continuar e mellorar o traballo feito ata o de agora. Levamos un par de cursos solicitándoo e este ano saímos elixidos.

Isto non sería posible sen a participación das familias no servizo de préstamo, nos contacontos e nas enquisas, así como as visitas dos maiores da asociación Baiuca en colaboración co Concello, as visitas dos grupos de teatro do Ceip de Galán, as Bibliotecas Municipais de Arteixo...e por suposto o traballo de todas as mestras e sobre todo o interese e esforzo dos nenos e as nenas da escola.

O vindeiro curso será o décimo dende que se leva a cabo o programa na comunidade. A consellería considera que o PLAMBE é en gran medida responsable de que a Competencia Lectora en Galicia estea por riba da media española, da media europea e da media dos países da OCDE no último informe PISA.

Como vos dicíamos a Educación Infantil non é obrigatoria no sistema educativo español e ademais a adquisición da Lectura e da escritura NON son obxectivos da mesma, pero si "[...] achegarse á  lectura e escritura como medio de comunicación, información e gozo." Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para nós é fundamental que os nenos e as nenas teñan contacto con textos e outros materiais axeitados para a súa idade, que os manexen, que lles lean e que vexan ler no seu contorno. Isto crea un interese, un desexo, que favorecerá as aprendizaxes cando o neno ou a nena estean neurolóxicamente preparados para elas.



venres, 27 de xuño de 2014

LER EN VERÁN

Estivemos de visita por algunhas librerías e escollimos varios títulos que nos pareceron interesantes para compartir con vos, por si queredes facer un agasallo ou ler cos vosos fillos e fillas. Hai contos e tamén libros para xogar, con cd de música, con solapas ou pegatinas, para buscar cousas, etc.

mércores, 25 de xuño de 2014

ENQUISAS SOBRE O SERVIZO DE BIBLIOTECA ESCOLAR

Xa temos recollido os datos das enquisas que vos solicitamos cubrir. Grazas a todas e todos os que colaborachedes nesta avaliación.
Dos datos recollidos concluimos que en xeral as familias consideran axeitados e satisfactorios os servizos ofertados dende a biblioteca escolar.
Agradecemos tamén os comentarios aportados en forma de títulos para engadir á b.e., sinalando algún fallo puntual nos servizos (interesante para mellorar), suxestións para a mochila viaxeira...
Aquí deixamos uns gráficos cos resultados. 


domingo, 22 de xuño de 2014

TEATRO DENDE O CEIP DE GALÁN

O pasado martes tivemos a sempre grata visita do grupo de teatro do Ceip de Galán capitaneado pola mestra Lidia. Ás mestras disfrutamos moito recibindo ás antigas alumnas e alumnos e mailos colegas de Galán. Desta volta agasalláronnos cunhas revistas editadas polo centro onde se reflicten os éxitos doutros nenos e nenas que pasaron pola nosa escola. Bravo!!!
O programa de actuacións que disfrutamos foi o seguinte:
  • Representación do conto "A princesa do Caurel" a cargo dun grupo de 6º
  • Representación do conto "Corre, corre cabaciña" polos nenos e nenas de 1º
  • Conto africano contado pola mestra Lidia co teatriño Kamishibai
  • Obra de teatro cómica "Asalto ao Banco" por un grupo de 6º
  • Representación e baile de cancións populares galegas a cargo dun grupo de nenas de 6º
As actuacións foron estraordinarias e todos disfrutamos con eles. Dámoslles as grazas por achegarense aquí a facernos pasar tan bo rato.



luns, 19 de maio de 2014

Este ano adicouse o Día das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro (1914-1989), poeta orixinario de Os Vilares, Guitiriz (Lugo). Como en cursos anteriores,  sempre buscamos unha vivencia desta data próxima a estas idades. 

Así, na clase de 3 anos invitoúselles ás familias a traer contos en língua galega para compartir cos compañeiros,...con que alegría viñan dicindo o título do conto! Ademais, e cara encontrarnos no ximnasio o día 16, cada clase preparouse para sorprender a todos os nenos e nenas da escola, e vaia se nos sorprenderon! 
A preparación foi ao longo da semana previa, e o resultado estupendo tal e como reflexan as fotos que vos deixamos a continuación. 

A clase de 3 anos dramatizou o conto de “A Ratiña Presumida”. 


Os de 4 anos narraron o conto elaborado por eles mesmos “Que hai no mar calamar?” 


         E os de 5 anos a dramatizaron o conto de “A sopa queima”. 



venres, 25 de abril de 2014

O LIBRO DO MAR DA AULA 4

O mes pasado falábamos dos estupendos traballos de poesía sobre os ríos, mares e praias realizados por Mariceli e os nenos e as nenas da aula 5. Hoxe toca falar do traballo de Isa e as nenas e os nenos da aula 4 sobre o mar. Todo esto está relacionado có  proxecto común que estamos a levar na escola do programa de Voz Natura "Os ríos e as praias en boas mans". Na aula de 4 se estivo a recopilar información sobre aspectos do mar que entre todos se consideraron interesantes e finalmente se elaborou un libro. Tedes o proceso explicado no blog dos trasniños que podedes ver aquí:
O resultado é un libro que irá rotando de casa en casa para que o poidades ver e tocar. Nós fixemos unha montaxe para publicalo neste blog. Aviso: o orixinal sempre é mellor e mais fermoso!

mércores, 23 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO. TEATRO DOS MAIORES.

Hoxe festexamos o día do libro atendendo a unha representación teatral por parte do grupo dos Maiores do Concello de Arteixo. Recibimos con moito entusiasmo aos avós nunha cita que xa empeza a ser un clásico e que mellora de ano en ano. 
Esta vez nos representaron o  tradicional conto da Ratiña Presumida (ou Fachendosa) dun xeito interactivo que levou ás nenas e aos nenos a estar moi atentos e a participar, as veces a berros, no desenvolvemento da historia. Podedes ver na montaxe das fotos mellor que coas palabras como foi o evento.
Agradecemos a todos os participantes do grupo, a súa coordinadora Beatriz e o Concello esta estupenda actividade.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Slideshow customized with Smilebox

luns, 14 de abril de 2014

VISITAMOS A BIBLIOTECA MUNICIPAL

O mércores pasado acudimos a nosa reunión anual coa Biblioteca Municipal do Froxel onde, coma sempre, Rosa nos recibiu cun gran sorriso. Como somos bastantes para o espazo da biblioteca fixemos a visita en dous turnos. Na Biblioteca tivemos a ocasión de manexar algún contos e de asistir á actividade de animación levada a cabo por María, da compañía Duende Sico.
María nos contou "El hada Lolita y el árbol-escuela" da editorial Pearson Educación. Nesta historia a fada Lolita quere axudar o seu amigo o xabarín a superar o seu medo a ir a escola.
Tamén fixemos unha actividade de concienciación da reciclaxe. Ao final bailamos todos xuntos.
Vos deixamos unha montaxe con fotos do evento.

luns, 24 de marzo de 2014

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O 21 de Marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Na aula de 5 anos Mariceli e os nenos e as nenas fixeron uns fermosos traballos escollendo varias poesías e ilustrándoas. Non vos perdades a entrada que está no seu blog:
 http://ospequechosdevilarrodis.blogspot.com.es/2014/03/o-mar-de-poesias.HTML

xoves, 6 de marzo de 2014

MOCHILAS VIAXEIRAS

O vindeiro luns, 10 de marzo, comezaremos unha nova actividade relacionada coa Biblioteca: a mochila viaxeira. Hoxe ou mañá os nenos e as nenas levarán unha notiña á casa explicando que se trata dunha acción destinada ao fomento da lectura e que consiste en que unha mochila con dous contos infantís, un libro para adultos e un libro con cd de cancións estará na casa dunha nena ou un neno por un período dunha semana, de luns a luns. Contamos coa probada responsabilidade das familias para que cheguen en boas condicións a todos os fogares.
Como todo o que vai para a casa, esta é unha actividade voluntaria que facemos co ánimo de axudar a desenvolver a animación á lectura entre o alumnado e facer partícipes ás familias nesta incríble viaxe.
A asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería proporciona as mochilas. Os materiais que van dentro pertencen á nosa Biblioteca. Ogallá pasedes un bo rato cos vosos fillos e fillas con estes materiais.

luns, 24 de febreiro de 2014

DESCUBRINDO O NOSO CORPO

Estamos a piques de retirar a exposición de libros que está no corredor dende fai unhas semanas. O tema é "O corpo humano". Aquí deixamos unha foto da exposición e vos recomendamos visitar os moi interesantes enlaces ó blog dos trasniños e ó blog dos pequechos para que vexades o que se fixo co material.



Empregamos varias clases de libros ademáis de materiais informáticos, videos, etc. Nestas idades se traballa moito a través de contos, pero tamén hai materiais informativos adaptados para os nenos e as nenas. Aquí vedes unha selección de libros da nosa biblioteca de tipo Informativo que colocamos na exposición



E aquí algúns dos contos que tratan o tema do corpo humano dende un punto de vista máis lúdico.

luns, 3 de febreiro de 2014

DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA


Estes días andamos a falar da PAZ, buscándolle unha tradución o máis significativa posible para as nenas e nenos que temos na escola. Coma sempre, os contos  son o noso mellor recurso para falar destes temas, tan importantes como abstractos para a infancia. Contos como: “Caracol e vermiño” de OQO editora,  “Las palabras dulces” de edit. Corimbo, ou con contos coma este, feito polos propios nenos:


Esas experiencias nas aulas remataron un ano máis cunha celebración que foi para nós unha nova experiencia. Mesturámonos todos os nenos e nenas da escola en seis grupos doutras tantas cores que pasaron por tres obradoiros diferentes co tema da PAZ como protagonista.

No obradoiro de Biblioteca partimos do visionado do conto de “Elmer e os hipopótamos” da Ed. Beascoa para traballar a resolución pacífica de conflictos e rematar falando de : enfado, alegría, amor,…do que a mellor expresión que coñecemos son os bicos e apertas, e decidimos que nesta data queríamos levar o “bico” posto.

No obradoiro de Plástica montamos entre todos un fermoso e expresivo puzzle coa frase: “Con todo o corazón, bótalle unha man á Paz, a túa peza conta”. Cada un dos seis grupos que formamos elaborou unha das pezas da montaxe final, que vimos todos xuntos no ximnasio unha vez rematada a xornada.

No obradoiro de Xogos Motrices aprendimos retaílas como esta de:”As abelliñas de San Miguel andan todas ao redor da mel, e de mel e de melacha, que se vire…”

Finalmente xuntámonos todos na aula de psicomotricidade para facer un baile por parellas.