venres, 20 de decembro de 2013

RECOMENDACIÓNS DE NADAL

Nestas datas tan dadas a agasallar aos nenos e ás nenas vos suxerimos que pidades aos Reis Magos, a Papá Noel ou ao Apalpador, algún libriño.

Tras percorrer algunhas librarías da comarca, elaboramos un pequeno documento con algúns libros recentes e variados que nos pareceron axeitados para estas idades. Hai moitísimos máis. Hoxe en día hai unha oferta variada en cantidade, calidade e prezo. As ilustracións son dos nenos e nenas da escola.

Nestas idades as recomendacións fundamentais para escoller un libro son que teña moita ilustración e pouco texto e que o vocabulario sexa sinxelo.

Unha opción moi interesante é achegarse ás bibliotecas municipais onde nos poden asesorar e prestar libros, cds, dvds para levar á casa.

CONTACONTOS DE NADAL CON ANXO MOURE

Hoxe recibimos a visita de Anxo Moure, que veu acompañado do seu batuxo, unha embarcación tradicional do río Miño...Imposible describir neste blog o silencio que fixemos os 65 nenos e nenas da escola, cando o vimos aparecer na porta do ximnasio. Canta emoción, sabíamos que hoxe había festa e que esta era unha sorpresa moi, moi especial,... e non nos defraudou!!!

Anxo é mais un encantador de contos que un contacontos. Con el participamos nas historias: repetimos, cantamos, bailamos, rímos...

Contounos moitas historias, entre outras a da “Xacia Luviñas” unha peculiar serea que nos animou a coñecer e coidar os ríos, en especial ao pai Miño. Tamén nos falou dos lobos preocupados polas árbores do bosque e ensinounos moitas palabras novas, nomes de lugares,... 

Nos contos de Anxo están moi presentes valores tan importantes como a PAZ e a CONSERVACIÓN DA NATUREZA , e na escola pensamos que era o mellor xeito de despedirnos antes do Nadal. Desexamos que pasedes unha felices festas, cos nosos mellores desexos para o novo ano.

luns, 2 de decembro de 2013

OS TRASNIÑOS E O PRÉSTAMO

A motivación polo saber e polo descubrir é moi propia da infancia, pero é necesario sentar as bases para xerar un hábito e un gusto consciente pola aprendizaxe. O factor imitación tamén é fundamental, de aí a importancia de que os adultos que rodeamos ao neno/a teñamos interese por ler e por lerlles.
Os novos trasniños de 3 anos comezamos o préstamo de libros de bibliorrodís o pasado mes de outubro. Cada un elixe autonomamente o libro que quere levar a fin de semana entre un número de exemplares previamente seleccionados pola titora. Pasado un mes e medio, decidimos cambiar os contos do préstamo, visitamos Bibliorrodís e eleximos novos exemplares para a clase, axeitados á nosa idade e gustos.
Cada semana , os libros viaxan á casa do alumnado nunha bolsa co nome de cada neno/a; cada un ten un carné sen foto co seu nome, estes son os pasos que seguimos para elixir o conto semanal, pensando en fomentar a autonomía e en fixar a atención no seu nome:
  1. Cada un ten que coller o seu carné. (Así conseguimos que se fixen no seu nome escrito, o vaian recoñecendo, comparando co dos outros nenos e recoñecendo algunha letra.)
  2. Deben coller a súa bolsa que tamén ten o nome escrito, para saber cal é a súa deben comparar o nome do carné co nome da bolsa.
  3. Poden vir a elixir o libro que queiran e gardalo na bolsa.
  4. Recollemos os carnés ata a semana que ven.
Aquí vos deixamos un vídeo coa música de Cold Play: Viva la vida.
 
 
 

luns, 25 de novembro de 2013

MERGULLÁNDONOS!!

Xa temos unha nova exposición de biblioteca no corredor, desta volta os libros que aí aparecen proveñen dunha biblioteca municipal. Aproveitamos para agradecerlles que sempre que o precisamos, nos brinden fondos para os nosos proxectos.

A temática desta exposición é o mar, porque entronca cun proxecto que imos levar a cabo durante todo o curso chamado "Un mar de sensacións" . Este proxecto arranca  da nosa participación no programa Voz Natura de Educación Ambiental, que este ano ten como lema: Ríos e praias en boas mans. 


venres, 8 de novembro de 2013

A FESTA DO MAGOSTO

A pasada semana fixemos a primeira celebración conxunta do curso, a festa do Outono. Nesta xuntanza celebramos as festas tradicionais do magosto e do Samaín. Dende a biblioteca estiveron saíndo distintos libros para traballar unha das emocións máis básicas do ser humano: O medo. Na celebración cada aula realizou un recitado ou unha canción alusiva ós temas. Agradecemos a colaboración das familias que trouxeron unhas cabazas primorosamente decoradas para que poideramos disfrutar delas durante uns días. Vos deixamos unha montaxe con algunhas das fotos da xornada.
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Make your own picture slideshow

venres, 28 de xuño de 2013

PROMOCIÓN 2010-2013

Co fin de curso toca despedirse doutra promoción de nenos e nenas que pasan a primaria. Sempre é unha sensación un pouco agridulce que marchen porque tras tres anos se lles colle moito afecto. Este ano as familias sorprenderon a Beti, a titora, e a todo o resto da escola, cunha emocionante montaxe sorpresa e sobre todo percibimos moitísimo cariño o que se agradece na alma. Non temos palabras para agradecer as familias a confianza en nós e a súa colaboración coa escola. Vos desexamos o mellor para o futuro. Grazas e ata sempre.
Click to play this Smilebox announcement


Create your own announcement - Powered by Smilebox
This announcement customized with Smilebox


xoves, 27 de xuño de 2013

CONCERTO DA E.M.MÚSICA

O último día lectivo tivemos a visita de Víctor e Nuria, da Escola Municipal de Música de Arteixo, que nos engaiolaron cunha interpretación con acordeón e violín de varias pezas musicais de moi distintos signos: clásicas, modernas e tradicionais. Foi un concerto didáctico onde ademais de tocar fixeron que os nenos interviñeran na actuación simulando ser diversos instrumentos musicais e logo bailando.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Create your own free photo slideshow

mércores, 26 de xuño de 2013

RECOLLENDO FROITOS

Co fin de curso achegámonos á horta a recoller as leitugas que xa estaban ben grandiñas. Coa climatoloxía un tanto adversa que tivemos ultimamente, non foi moi necesario o rego por parte das nenas e os nenos, e tampouco os puidemos deixar entrar a coller eles mesmos as leitugas porque o terreo estaba bastante  mollado. A ilusión, de todos os xeitos, non fallou e, ademais, cada un puido levar a súa leituga para casa e, esperamos, comer de ela. Aquí vos deixamos fotos da recollida e unha foto de cada un dos nenos e das nenas que viñeron ese día á escola cunha leituga.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Customize a free picture slideshow

venres, 21 de xuño de 2013

ANIVERSARIOS III

Aquí vos deixamos as fotos da celebración dos aniversarios dos nenos e nenas que cumpren, cumpriron ou cumprirán anos neste trimestre e nos meses de verán. Coma nos outros trimestres sopramos candeas e merendamos ricos biscoitos.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This free picture slideshow generated with Smilebox

xoves, 20 de xuño de 2013

CONTACONTOS COAS FAMILIAS NO TERCEIRO TRIMESTRE

Estamos pechando curso e aínda nos quedan algunhas cousiñas por dicir. Nesta entrada poñemos fotos dos últimos pais e nais que pasaron pola aula de 5 anos para contar contos. Esta foi unha actividade voluntaria que se lle ofertou as familias cun claro obxectivo pedagóxico, que é o de fomento da lectura. Consideramos que este é o mellor xeito de contaxiar o gusto pola lectura e vos animamos a que non perdades o hábito de compartir un momento de lectura cos vosos fillos e fillas. Facendo avaliación do curso cos nenos e as nenas moitos salientaron o que lles gustou ver ao seu familiar na aula e compartir esa horiña con eles.
Reiteramos o noso agradecemento a todos os que se esforzaron por acudir á escola neste e nos outros trimestres. Grazas a todos.
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Picture slideshow customized with Smilebox

sábado, 8 de xuño de 2013

IMOS AO TEATRO

O venres acudimos ao Teatro del Andamio, na Coruña, para asistir á representación do tradicional conto da Cigarra e a Formiga. Desta xeira vimos unha adaptación da historia con valores máis actuais.

A cigarra non era unha preguiceira senon que tiña talento para crear música. O seu problema era que non atopaba boas letras para as súas cancións. Pola outra banda, a traballadora formiga escondía un segredo: encantáballe cantar, pero facíao as agachadas. Un día, no bosque, en vez de recoller paus, a formiga pasou o tempo cantando feliz. Cando voltou ao formigueiro a raíña pensou que precisaba lentes e que debería facer outras tarefas. A nomearon encargada das flores do formigueiro. Alí a formiga podía cantar sen que ninguén se decatara.

Cando a cigarra foise vivir preto de onde a formiguiña coidaba das flores, ésta tentou por todos os medios botar a cigarra de alí, pero, finalmente , foi descubrindo que se xuntaban ós seus talentos conseguirían algo mellor. A formiga aportou os seus elaborados poemas e a cigarra a música. Unha das súas primeiras colaboracións foi unha canción para un sapo namorado dunha rá. Logo compuxeron unha canción para un enxame da abellas. Decatáronse de que sós non podían cantar para un enxame enteiro e así pediron a axuda dos nenos e das nenas presentes.

Nin decir que os cativos e as cativas estiveron encantados de ensaiar a canción. E así acabou a actuación e voltamos á escola.
 

TEATRO2013 - diapositivas

xoves, 6 de xuño de 2013

FESTA DE VOZ NATURA

O pasado sábado tivo lugar no parque de Acea da má (Culleredo) a festa fin de curso do programa "Voz Natura". Éste é o primeiro curso no que participamos oficialmente, cun programa que tiña como liñas prioritarias o aforro de enerxía, a reutilización de materiais e a apreciación é respeto pola natureza.



 
Xuntando algúns dos materiais elaborados durante o curso e aportacións das familias, montamos un posto na exposición dos traballos das escolas participantes de toda Galicia.
 
Sabemos que varias familias da escola acudiron a pasar un bo rato na festa. Ademáis de visitar a exposición, os cativos e as cativas podían subir nun coche de policía, saltar nos inchábels, fotografiarse cos Bolechas, pintar con coñecidos debuxantes, ser maquillados, participar en distintos obradoiros de manualidades, etc.

martes, 4 de xuño de 2013

CONTOS E MAIS DENDE O CEIP DE GALÁN

O pasado xoves tivemos unha moi grata visita. Dende o CEIP de Galán chegaron os mestres Lydia e Paco cun grupo de alumnos e alumnas para representar varias obriñas e contarnos algúns contos. Este é o terceiro curso que realizamos esta experiencia que consideramos moi positiva. Entre os nenos e nenas de primaria que nos visitaron atopamos ex-alumnos e ex-alumnas (aos que as profes sempre nos fai ilusión votar a ver) e algún irmán dos alumnos que están na actualidade na nosa escola.

O programa que nos ofertaron foi:
  • O conto da Raposa e a Cegoña, contado por Alejandra e Adrián.
  • A historia do galo namorado dunha cadela, narrado por Laura co apoio dun excelente grupo de actores e actrices.
  • Un programa desmoronado, parodia dun concurso televisivo, representado por alumnas de 6º
  • O xigante grandullón, representado por Jeremy, Antía, Samuel e Eva.
  • Titiritesa, contado por Lydia.

Como os outros anos temos que agradecer ao Ceip de Galán, e en especial a Armando Herrero, a súa disposición para preparar este espectáculo, coa duración e contidos axeitados os nosos cativos e cativas. Grazas a Lydia e Paco e a todos os nenos e nenas por vir ata aquí a amosarnos o seu arte. Non hai máis que ver as fotos para comprobar como nos gusta o que vemos e que ben nos comportamos.

venres, 17 de maio de 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe fai 50 anos que empezamos a celebrar o día da lingua galega. No ano 1963, tres membros da Real Academia Galega suxeriron adicar esta data a lembrar a un autor ou autora que contribuira ao espallamento da cultura galega. Por que o 17 de maio?  Porque ese día 100 anos antes publicárase un dos maiores fitos da nosa lingua: Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Este libro, do que hoxe cúmprense 150 anos, aínda tendo en conta a extraordinaria transformación da vida en Galicia, segue a reflectir o sentir dos galegos ante temas como a emigración ou as diferencias sociais.


 
Cada ano se lle adica o día a un autor ou autora xa falecido que destacara pola súa aportación as nosas letras. Este ano recordamos a Roberto Vidal Bolaño, home adicado ó teatro, que loitou por un teatro profesional en galego. Onte os nenos e as nenas levaron para casa un marcapáxinas e un díptico sobre o autor, aos que esperamos lles poidades adicar uns minutos.


O Seminario Galán, con sede no CEIP de Galán leva anos sendo referencia para todos os centros escolares galegos pola calidade dos materiais que elaboran para traballar estas datas en todos os nivéis educativos. Neste enlace tedes os materiais do Seminario e informacións de interese.
 
Na escola, ademáis dos traballiños da aula, festexamos a data coma o aniversario do galego, apagando a candea cun diccionario, e comendo un saboroso biscoito. Pero antes diso tivemos a sorte de recibir, da man do Concello de Arteixo, ao grupo de Teatro dos Maiores, que nos engaiolaron coa obra O Coelliño Branco, que tanto nos gusta. Encántanos que veñan os maiores a pasar un rato connosco e a ofrecernos a súa arte.

Na montaxe de fotos que tedes a continuación veredes a Beatriz, a coordinadora do concello, explicándolles ós nenos e ás nenas o que ían ver a continuación. Logo temos imaxes da actuación, do elenco de actores con cada grupo, do baile que fixemos ao rematar e do momento de apagar as candeas nas distintas aulas. Tamén veredes aos actores na aula 5 contemplando unha actividade relacionada coa data na pizarra dixital, da que vos daremos conta nunha futura entrada no blog.
 

sábado, 27 de abril de 2013

FESTIVAL DO DÍA DO LIBRO 2013

Hoxe tivemos un festival para celebrar o día do libro. A finalidade desta actividade é traballar fundamentalmente  a Área de Linguaxes: Comunicación e Representación.

O programa foi moi completo. Todo o alumnado e o profesorado da escola participou no festival. Na evolución madurativa das persoas nas idades de 3 a 6 anos, a capacidade de concentración, coordinación, seguranza e expresividade son limitadas pois están en fase de desenvolvemento, polo que para que todo saia ben requírese facer moito traballo previo. Temos que gabar a paciencia e o esforzo das titoras, especialmente, porque realizar con certa dignidade estas actividades precisan  preparación, tempo, traballo extra e compaxinar con todas as demais tarefas das aulas. Tamén temos que agradecer  o apoio de moitas familias que practicaron na casa cos seus fillos e fillas. Grazas!!Agradecemos, ademáis, ó concello de Arteixo  que puxo á nosa disposición unha tarima-escenario móbil, fantástica para mellorar a visibilidade do festival.
 
Por suposto todos os nenos e as nenas puxeron todo o seu empeño, esforzo e sobre todo moita, moita ilusión, así que o resultado foi espectacular. As actuacións foron estupendas e todos e todas o pasamos de marabilla.
 
Vos ofrecemos unha montaxe de fotos, un vídeo dos pequenos e pequenas de 3 anos e outro dun fragmento da canción que dirixiu Mada con todo o alumnado que asistiu hoxe á Escola. A calidade dos videos non é moi boa, pero os que estén interesados neles os poderán levar ó final de curso con maior resolución (e sin a montaxe).







Click to play this Smilebox invite
Create your own invite - Powered by Smilebox
Customize your own invitation




 
Click to play this Smilebox invite
Create your own invite - Powered by Smilebox
Another free invitation by Smilebox



 

martes, 23 de abril de 2013

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Hoxe é o día internacional do Libro, celebración auspiciada pola UNESCO. En todas as bibliotecas municipais e escolares realízanse actividades para conmemorar a importancia da cultura escrita na nosa civilización.

As Bibliotecas Municipales de Arteixo levan todo o mes cunha programación especial. Nesta programación entran as visitas escolares ás bibliotecas para sesións de contacontos (como a que fixemos nós na BPM Do Froxel), reparto gratuíto de libros, cocicontos, etc. O vindeiro sábado 27 de Abril, as Bibliotecas Municipais porán un posto no Feirón para agasallar cun libro ás nenas e ós nenos que se acheguen alí (tamén ós adultos).

Nós levamos varias actividades neste mes e estamos preparando un pequeno festival do día do libro o vindeiro venres. Os nenos e as nenas están memorizando poesías, cancións e pequenas obriñas de teatro para recitar, cantar e representar ese día.



No corredor temos a casiña dos contos, que neste intre estamos empregando como portal máxico e que será parte do festival do venres. Tamén estamos facendo traballiños relacionados con Pataquiño. a mascota da biblioteca. E, por suposto, estamos a ver moitos libros; libros de información, de poesía, de contos, de imáxenes...

 



Aquí tedes un marcapáxinas e un texto da escritora ( e actriz, contacontos, etc.) Paula Carballeira para a ocasión:

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/MARCAPAXINAS_2013_DEF.pdf

Queremos compartir esta fermosa montaxe creada polo CEIP Saco e Arce de Toén e que está colgada no seu blog de biblioteca: http://bloguesquio.blogspot.com.es/

Que é un libro? on PhotoPeach

HOXE SAÍMOS NA PRENSA

Como vos comentamos na entrada anterior, un fotógrafo do xornal "La voz de Galicia" achegouse a escola para retratar como os pequenos e as pequenas participaban na horta da escola, dentro do veterano e aclamado programa Voz Natura para escolares. O proxecto presentado pola escola ademais da horta implica actividades de reciclado, de aforro de enerxía, etc. O máis visible, quizais, é a horta, que a climatoloxía nos fixo posponer ata o de agora.
Aquí tedes a nova do xornal, publicada coincidindo co día do libro:


venres, 19 de abril de 2013

HABÍA UNHA VEZ UNHA SEMENTE....

Como xa seguro sabedes, hoxe estivemos a plantar na horta. Plantaron leitugas todalas nenas e os nenos que acudiron á escola e temos fotos de todos eles, pero dende este blog da biblioteca queremósvos contar como foi a  secuencia didáctica na aula de 3 anos.
 
As experiencias escolares teñen un sentido e unha razón de ser vinculada ó curriculo oficial. Dende o enfoque globalizado e significativo que teñen as aprendizaxes nesta etapa de educación infantil, esta secuencia integra as tres áreas de:
  • Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal.
  • Coñecemento do contorno.
  • Linguaxes: Comunicación e representación



Primeiro veu Carmiña, a rá, cunha carta-mensaxe, un libro e unha pequena leituga. Logo Isa contou o libro "Había una vez una semilla" publicado pola Ed. Anaya, que fala de como é o nacemento e desenvolvemento dunha planta dun xeito asequible para a idade.


Despois observamos as partes da pequena leituga, en especial as raíces.



A continuación os nenos e as nenas falaron das prantas que coñecen e elexiron unha para facer unha actividade de expresión corporal. Nesta actividade cada un representa unha semente que, pouco a pouco o e coa axuda do sol, a auga e a terra, xermina, agroma e crece para logo dar ó seu froito.
 





 
Despois da merenda e un ratiño de recreo dirixímonos á horta xa preparada. Alí Mada axudou a plantar as pequenas leitugas neno por neno. Ó rematar de colocar tódalas leitugas, plantáronse sementes de cenoria e algúns nenos regaron.






Tamén englobamos esta actividade no proxecto Voz Natura no que participa á escola, polo que veu un fotógrafo do xornal "La Voz de Galicia" a tomar algunhas instantáneas que probablemente aparezan mañá no xornal.


 
 
Esto non remata aquí. Nos vindeiros días e semanas seguiremos o desenvolvemento das plantas e facendo actuacións didácticas en torno a este tema.
 
 

venres, 12 de abril de 2013

VISITA A BIBLIOTECA DO FROXEL

O pasado mércores asistimos convidados a unha sesión de contacontos na Biblioteca Pública Municipal do Froxel. Coma sempre Rosa, a bibliotecaria, recibiunos cun gran sorriso. Alegrounos moito  comprobar que bastantes nenas e nenos  coñecen a biblioteca e que Rosa os coñece a eles.
Desta volta foi Duende Sico o que nos contou varias historias relacionadas con animais:
  • El pollito Manolito
  • La liebre
  • O Sultán e os ratos
Co Duende Sico rimos, fixemos chuvia e ata cantamos mentras interactuábamos cos contos.
 
 
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Free slideshow made with Smilebox

venres, 5 de abril de 2013

CONTANDO CONTOS EN FAMILIA 2º TRIMESTRE

Ofrecemos vos un novo álbum de fotos con un resumo de todas as sesións de contacontos coas que nos agasallaron as familias da aula de 5 anos o pasado trimestre. Coidamos que é unha actividade moi motivante para os nenos e as nenas e, esperamos, tamén interesante para as familias.
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Free picture slideshow created with Smilebox

venres, 22 de marzo de 2013

FESTEXANDO OS ANIVERSARIOS

Rematamos trimestre facendo as celebracións dos aniversarios das nenas e os nenos que cumpriron anos. Velaquí algunhas fotos do evento. Sopraron a candea, comeron biscoito e bailaron antes de saír o patio.