martes, 31 de xaneiro de 2012

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

Onte celebramos o día da Paz. O concello preparou diferentes actividades relacionadas co tema e tivemos a visita de Leticia, Eva e Iria que xogaron con nós e nos contaron un conto moi apropiado “Lola no quiere compartir”. Logo se repartiron cos nenos e as nenas para facer tres obradoiros diferentes:
-         Xogos cooperativos cun paracaídas
-         Xogos cooperativos no ximnasio
-         Elaboración dunha Pomba da paz
Tralos obradoiros nos reunimos todas e todos no ximnasio para facer unha roda xigante bailando e cantando unha canción, e rematamos cunha grande aperta. Despois tocou merenda que con tanto movemento e ledicia xa tiñamos algo de fame.


venres, 27 de xaneiro de 2012

A CELEBRACIÓN DA PAZ NA AULA DE AUDICIÓN E LINGUAXE


Si hai unha celebración que realmente nos gusta é a da paz. O vindeiro luns 30 de xaneiro está sinalado no noso calendario como do Día Escolar da Paz e non violencia.
Como sabedes traballamos sobre o tema non só nestas datas,  pero si con maior notoriedade. Raquel, a mestra de Audición e Linguaxe, propuxo hoxe ós nenos e as nenas de 5 anos facer unha dramatización do conto “Caracol e Vermiño” de OQO editora. Ésta é a historia de dous animais que se enfrontan por non querer compartir comida de sobra para os dous. Aproveitando a disputa unha pomba chega e acaba con todo. Dándose conta da inutilidade do seu enfrontamento deciden ir xuntos a buscar outro alimento. Unha oportunidade excelente de empregar a linguaxe e a expresividade oral traballando valores.


OS OUTROS LIBROS


Esta semana o protagonista na aula 4 é Brais. A súa nai trouxonos un libro. Non un conto, senón un libro moi importante para Brais: a súa cartilla sanitaria. É interesante  que os nenos e as nenas saiban a utilidade da lectura e escritura, non só para contarnos historias, tamén para rexistrar informacións salientables como é o caso da nosa saúde. Todos se sentiron identificados porque todos teñen unha cartilla semellante. Brais contounos que o seu xoguete preferido é o balón , así que a súa nai, Natalia, ensinounos  a facer pelotas de papel periódico. Como xa vos dixemos noutra entrada os xornais dan para moito. Para rematar, como sempre, o mellor: a xogar!



luns, 23 de xaneiro de 2012

E COMO NACEN OS BEBÉS?




Ésta é unha das grandes preguntas que todos nos formulamos nalgún momento da infancia. Hoxe en día esta cuestión está nos curriculos educativos. Aproveitando que a profe Isabel ten algunhas amigas en estado, invitounas a visitarnos para que nos explicaran o que lles está a acontecer. Silvia e María estiveron encantadoras contándonos en que traballan e explicando o proceso da xestación dos nenos a través de algúns contos. Especialmente utilizaron o libro “Princesa Ana” de Martin Jarrie e Marc Cantin da editorial FCE. Tamén nos deixaron apalpar para notar os movementos dos bebés na barriguiña.



martes, 17 de xaneiro de 2012

APRENDIZAXE SIGNIFICATIVA


Un dos principios do ensino actual é a significatividade, e dicir, que as cousas que traballamos na escola teñan sentido e interese para as nenas e os nenos e se edifiquen sobre as cousas que xa saben e que podan relacionar. Aquí vos vai unha mostra do traballo na aula 4. A protagonista da semana pasada foi Myriam. O venres a súa nai trouxo uns deliciosos pasteis e explicou na aula como os fixo. Logo os nenos e as nenas escribiron un resumo da vivencia nun formulario. Empregaron palabras que xa coñecen (como o nome da súa compañeira) e outras de interese para eles. Claro está que o mellor foi comer os pasteis.