domingo, 3 de decembro de 2017

DÍA DA IGUALDADE DE XÉNERO


O día 25 de novembro está marcado no calendario escolar para falar sobre a non violencia de xénero.  Nós, dada a idade das nosas alumnas e alumnos, escollemos falar sobre a igualdade. As actividades a realizar xa as tiñamos pensadas antes de empezar o curso. Solicitamos unha subvención ao Centro de Información de Mulleres do Concello para mercar materiais para a mesma que nos foi concedida. Planeamos por unha banda unha actuación co alumnado e por outra unha conxunta do profesorado e as familias.
Para o alumnado pensamos tres obradoiros. Mesturamos as nenas e os nenos en 3 grupos de diferentes idades (organizados por pulseiras de diferente cor) para que rotaran por obradoiros  relacionados coas tarefas do fogar. Un foi sobre cociña, outro sobre as roupas e o un de biblioteca, no que escoitaron o conto “O libro dos porcos” de Anthony Browne, para logo pensar e conversar sobre o seu contido. Finalmente elaboraron unha sinxela ficha.


igualdad17

O obradoiro para familias e profesorado realizouse o pasado martes. Raquel, a especialista que dirixiu a actividade, fixo unha exposición sobre os sesgos sexistas da sociedade e conversamos sobre as preocupacións relativas aos xoguetes e moitos outros temas como vestimentas, adornos, etc. Agradecemos moito o esforzo de pais e nais de acudir e participar activamente neste evento.




domingo, 26 de novembro de 2017

MÚSICA CON PRESTO VIVACE

A música é unha das linguaxes que axudan a estimular as conexións neuronais. Cando seleccionamos as actividades complementarias ao inicio do curso tentamos sempre introducir algunha musical. o pasado mércores, día de Santa Icía (Cecilia), día da música,  tivemos a visita de tres profesoras da escola coruñesa Presto Vivace, que nos deron un obradoiro de estimulación musical, onde traballaron as cualidades do son con diferentes propostas que combinaron o uso da voz, do corpo e dos instrumentos musicais. Esta estupenda actividade foi financiada polo Concello de Arteixo. Vos deixamos fotos onde podedes ver a participación e o bo ambiente xerado cos nenos e as nenas da escola.

martes, 14 de novembro de 2017

SAMAÍN NA ESCOLA

O pasado 31 de outubro celebramos o Samaín, a festa do fin da colleita, do inicio do inverno celta, o momento no que o mundo dos mortos e o dos vivos están mais preto. Aínda que hoxe en día estamos moi influenciados polo Halloween norteamericano (de orixe irlandés, céltico) se preguntamos aos nosos maiores contarannos moitas historias de baleirar cabazas na súa infancia, por non falar das tradicións relacionadas coa santa compaña e o os mortos. Claro está que aos pequenos e pequenas da nosa escola non lles vamos a falar diso, pero si quedarnos coa parte máis festiva.  Agradecemos moito a implicación das familias na elaboración das cabazas que tan fermosas luciron na entrada. Vos deixamos unhas imaxes da xuntanza de celebración na biblioteca.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This slideshow design generated with Smilebox

domingo, 29 de outubro de 2017

DÍA DA BIBLIOTECA

Xa iniciado o curso e cos servizos funcionando, esta semana estivemos celebrando o día da biblioteca incidindo na formación de usuarios.  Os alumnos e alumnas dos grupos de 4 e de 5 anos acudiron a biblioteca para elaborar un tarxetón que lles permite acceso aos estantes  xerais onde están os fondos organizados.
En todas as aulas hai mobles con acceso libre onde poden coller e deixar os libros a vontade. Estes estantes conteñen unha selección de fondos realizada polas mestras e renovada con periodicidade. 
Para os estantes principais da biblioteca empregamos uns tarxetóns. Estes días falamos da importancia de manter os libros ordenados (que pasa si buscamos un libro e non está no seu sitio) e a razón de que leven etiquetas de distinta cor e debuxo. Preparamos eses tarxetóns  posando para a foto, despois pegándoa, escribindo o nome e decorándoa. Con este instrumento  (baixo control das mestras) cada nena e neno poderá escoller calquera libro que desexe colocando a tarxeta coa súa foto ao lado do libro que lle interesa e volvendo a colocalo no seu lugar antes de mover a tarxeta para coller outro co mesmo procedemento.






venres, 23 de xuño de 2017

LECTURAS PARA O VERÁN



Chegan as vacacións e creemos que é o tempo perfecto para compartir lecturas na casa, no parque, na praia, nas bibliotecas municipais… Sabemos da importancia de introducir aos nenos e ás nenas acompañándoos no mundo das letras (pero sobre todo da linguaxe oral) de xeito lúdico, en pequenas doses, con ficcións interesantes,  libros sobre temas atractivos para estas idades (animais, transportes, o noso corpo…) e moitas, variadas e fermosas ilustracións ou fotografías. Amosámosvos aquí algunhas propostas para o lecer do verán.  
Escollimos textos recentes, algúns sinxelos para os máis pequenos coma  Polo camiño ou ¡Puedo Rugir!   e outros máis complexos coma Elisa no mundo das maravillas. Tamén introducimos algúns contos clásicos, libros informativos e con música.
Como sempre lembrarvos que en Arteixo temos varias  bibliotecas públicas que abren no verán e alí atoparedes centos de propostas para elixir e aos bibliotecarios dispostos a orientarvos se o precisades.
Bo verán!



mércores, 21 de xuño de 2017

OS AVÓS CONTAN MOITO

O  pasado luns tivemos a derradeira visita do curso. Os avós da Asociación A Baiuca, en colaboración co Concello,  viñeron a contarnos un conto. A obra foi “A forza da Gacela” da escritora Camen Vázquez-Vigo.  A continuación agasalláronnos cuns globos de cores que nos entusiasmaron.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This slideshow generated with Smilebox

venres, 16 de xuño de 2017

TEATRO E MÚSICA DENDE O CEIP DE GALÁN


Onte tivemos o pracer de recibir na escola a un grupo de nenos e nenas do CEIP de Galán. Presenciamos un espectáculo composto polas obras de teatro:  A galiña Azul”, “Lolo anda en bicicleta”, e “A consulta”. Tamén aplaudimos ás pandereteiras do grupo de extraescolares do colexio que nos animaron con varias pezas. Coma sempre, para as mestras, é un momento de alegría  ver ós antigos alumnos e ás antigas alumnas crecendo axeitadamente. Gracias as compañeiras mestras de Galán e a Armando Herrero pola visita!