domingo, 1 de febreiro de 2015

DÍA DA PAZ

O 30 de Xaneiro celebramos nas escolas o Día Escolar da Paz e Non Violencia. Esta é una celebración de obrigado cumprimento dentro do calendario escolar de Galicia, aínda que, como podedes supoñer, tentamos levar a práctica os valores da paz durante todo o curso e en todo momento.

Nestas idades a Paz é un concepto bastante abstracto para comprender polo que baseamos as nosas actuacións sobre todo en educar nos afectos, no respecto cara un mesmo e cara os outros e na cooperación e colaboración como xeitos máis agradables de conseguir as nosas metas.

Para salientar o día preparamos unhas actividades nas que as nenas e os nenos deixan a sua aula diaria e se mesturan en 6 grupos de cores. Cada grupo participa nun total de 3 obradoiros: un de biblioteca, outro de plástica e un terceiro de xogos cooperativos. No obradoiro de biblioteca vimos o conto “O bebé” de Fran Manushkin e Ronald Himler na Pizarra dixital e logo un xogo afectivo.

Ao rematar o ciclo de obradoiros volvemos a xuntarnos na aula de psicomotricidade para colocar o mural realizado no obradoiro de plástica, bailar un rato todos xuntos e merendar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario