xoves, 11 de setembro de 2014

INICIAMOS O CURSO CUN BO PLAN

Benvidos e Benvidas ao novo curso. Estamos especialmente contentas porque acaban de concedernos o PLAMBE de Mellora de Bibliotecas Escolares. Moitos diredes... e iso que ven sendo? Pois nós que somos mestras e nos encanta o noso traballo vos contamos:
O PLAMBE é un programa especial da Consellería de Educación para apoiar a aqueles centros educativos da comunidade que traballan decididamente coa biblioteca escolar para dotalos de maior presuposto e dar formación profesional específica para os docentes do mesmo.

Para unha escola pequena como a nosa, e de ensino non obligatorio, é un gran reforzo económico e profesional.

Este programa é a vez un premio e unha gran responsabilidade porque implica continuar e mellorar o traballo feito ata o de agora. Levamos un par de cursos solicitándoo e este ano saímos elixidos.

Isto non sería posible sen a participación das familias no servizo de préstamo, nos contacontos e nas enquisas, así como as visitas dos maiores da asociación Baiuca en colaboración co Concello, as visitas dos grupos de teatro do Ceip de Galán, as Bibliotecas Municipais de Arteixo...e por suposto o traballo de todas as mestras e sobre todo o interese e esforzo dos nenos e as nenas da escola.

O vindeiro curso será o décimo dende que se leva a cabo o programa na comunidade. A consellería considera que o PLAMBE é en gran medida responsable de que a Competencia Lectora en Galicia estea por riba da media española, da media europea e da media dos países da OCDE no último informe PISA.

Como vos dicíamos a Educación Infantil non é obrigatoria no sistema educativo español e ademais a adquisición da Lectura e da escritura NON son obxectivos da mesma, pero si "[...] achegarse á  lectura e escritura como medio de comunicación, información e gozo." Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para nós é fundamental que os nenos e as nenas teñan contacto con textos e outros materiais axeitados para a súa idade, que os manexen, que lles lean e que vexan ler no seu contorno. Isto crea un interese, un desexo, que favorecerá as aprendizaxes cando o neno ou a nena estean neurolóxicamente preparados para elas.



2 comentarios: