venres, 17 de maio de 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe fai 50 anos que empezamos a celebrar o día da lingua galega. No ano 1963, tres membros da Real Academia Galega suxeriron adicar esta data a lembrar a un autor ou autora que contribuira ao espallamento da cultura galega. Por que o 17 de maio?  Porque ese día 100 anos antes publicárase un dos maiores fitos da nosa lingua: Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Este libro, do que hoxe cúmprense 150 anos, aínda tendo en conta a extraordinaria transformación da vida en Galicia, segue a reflectir o sentir dos galegos ante temas como a emigración ou as diferencias sociais.


 
Cada ano se lle adica o día a un autor ou autora xa falecido que destacara pola súa aportación as nosas letras. Este ano recordamos a Roberto Vidal Bolaño, home adicado ó teatro, que loitou por un teatro profesional en galego. Onte os nenos e as nenas levaron para casa un marcapáxinas e un díptico sobre o autor, aos que esperamos lles poidades adicar uns minutos.


O Seminario Galán, con sede no CEIP de Galán leva anos sendo referencia para todos os centros escolares galegos pola calidade dos materiais que elaboran para traballar estas datas en todos os nivéis educativos. Neste enlace tedes os materiais do Seminario e informacións de interese.
 
Na escola, ademáis dos traballiños da aula, festexamos a data coma o aniversario do galego, apagando a candea cun diccionario, e comendo un saboroso biscoito. Pero antes diso tivemos a sorte de recibir, da man do Concello de Arteixo, ao grupo de Teatro dos Maiores, que nos engaiolaron coa obra O Coelliño Branco, que tanto nos gusta. Encántanos que veñan os maiores a pasar un rato connosco e a ofrecernos a súa arte.

Na montaxe de fotos que tedes a continuación veredes a Beatriz, a coordinadora do concello, explicándolles ós nenos e ás nenas o que ían ver a continuación. Logo temos imaxes da actuación, do elenco de actores con cada grupo, do baile que fixemos ao rematar e do momento de apagar as candeas nas distintas aulas. Tamén veredes aos actores na aula 5 contemplando unha actividade relacionada coa data na pizarra dixital, da que vos daremos conta nunha futura entrada no blog.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario