venres, 9 de novembro de 2012

AS FAMILIAS NOS CONTAN CONTOS NA AULA DE 5 ANOS


Aproveitando o positiva que resultou a experiencia de participación das familias na aula da mestra Beti  o curso pasado,  este ano  levaremos a cabo unha nova actividade na mesma liña. Dende onte e ata remate de curso cada xoves virá unha familia a contarnos un conto. Será a última hora, pois é ese o momento no que preparamos os contos que levamos en préstamo semanalmente a casa. Os encargados ou encargadas dese día van lendo os nomes da bolsiña de cada compañeiro e, logo de entregarllas, cada un deles colle o conto que quere levar. Aproveitamos pois para que mamás e papás compartades con nós ese momento, antes de contarnos o conto que elixíchedes para contarnos ese día.

E como elixides a historia a contar? O luns de cada semana,  Beti escolle tres contos da biblioteca da escola , que cada vez ten máis títulos.  Levades a casa estes contos e escolledes, coa axuda dos vosos fillos, cal dos tres vos apetece contar.   Isto servirá para que logo escribamos o título na aula e fagamos un debuxo alusivo á narración. Será por tanto unha ocasión única para traballar aspectos propios do currículo desta idade en canto a : autonomía (somos capaces de escoller o noso conto e preparalo para levar cada semana), lectura e escritura (disfrutamos escoitando contos, recoñecemos e escribimos o seu título), e moitos outros aspectos que axudan a facernos persoas que disfrutarán coas moitas sorpresas que gardan para nós os libros.

Estas son fotos de onte, onde vedes a María, a nai de Hugo contando "Unha casa a medida" de Daniela Kulot publicada por FaktoriaK de Libros. Os encargados Hugo e Darío Rey len as tarxetas cos nomes dos compañeiros e as reparten. Moitas grazas María.




Ningún comentario:

Publicar un comentario