venres, 30 de novembro de 2012

EXPLORANDO A BIBLIOTECA

Vos amosamos algunhas instantáneas que tomamos na biblioteca da escola a nenas e nenos da aula de 3 anos. Unha das finalidades fundamentais da Biblioteca é de animación á lectura. Non é só unha frase bonita. Un dos eixes do sistema escolar é a aprendizaxe da lectoescritura e hai dúas razóns principais para que unha persoa aprenda algo: o interese e a necesidade. Se conseguimos que as nenas e os nenos teñan interese en "descifrar" o que pon nos contos, libros... daremos un paso de xigante cara o desenvolvemento das súas competencias lectoras. O mesmo ocorrerá coa escritura se teñen interese en comunicarse ou expresarse dese xeito. 

Os motivaredes se vos ven ler. Contádelles contos axeitados en momentos relaxados. Si podedes levádeos a ver os contacontos das bibliotecas municipais. Se son experiencias positivas teñen un valor pedagóxico inmenso.

Segundo recolle o Decreto 330/2009 do 4 de xuño polo que se establece o currículo de Ed. Infantil na Comunidade Autónoma de Galicia: 
" A apropiación da linguaxe, nas súas formas oral e escrita, dependerá da amplitude, variedade e calidade das experiencias comunicativas que os nenos e nenas teñan.
No segundo ciclo de educación infantil preténdese así mesmo que o alumnado descubra e explore os usos da lectura e a escritura, espertando e afianzando o seu interese por elas.
Farase un achegamento á literatura infantil a partir de textos comprensibles e accesibles para que esta iniciación literaria sexa fonte de gozo, de diversión e de xogo. "






Ningún comentario:

Publicar un comentario