venres, 2 de decembro de 2011

A LECTURA


Sabemos que hai moitas familias moi preocupadas pola aprendizaxe da lectura dos seus fillos e fillas. É comprensible e desexable esta preocupación xa que a nosa cultura está asentada na lingua escrita. Pero temos que ter claro que cada cousa ten o seu tempo.

Vexamos o que din as leis educativas ao respecto:

No Decreto 330/2009 do 4 de xuño de Curriculo da Ed. Infantil leemos:
“No segundo ciclo de educación infantil preténdese (…) que o alumnado descubra e  explore os usos da lectura e a escritura, espertando e afianzando o seu interese por elas.
Farase un achegamento á literatura infantil a partir de textos comprensibles e accesibles para que esta iniciación literaria sexa fonte de gozo, de diversión e de xogo.”

Hai casos extraordinarios de nenos e nenas que dende idades temperás adquiren os mecanismos deses aprendizaxes, pero iso, son excepcionais e por si solos non son garantía de éxito escolar final. O máis natural é que os nenos acaden os rudimentos da lectura e escritura autónomas entre os cinco e os sete anos, e despois de traballar paseniñamente no tema. E non todos van ó mesmo ritmo. Tamén convén lembrar que en estas idades uns meses de diferenza en moitos casos nótanse; a madurez intelectual e física pode ser moi distinta de mes en mes. Un neno que cumpre anos en xaneiro probablemente “romperá” a ler antes que un neno de  fins do mesmo ano. Haberá casos de nenos que rematen a Ed. Infantil con cinco ou seis anos recén cumpridos sen ter ben desenvolvida a competencia lectora. Como todo hai que traballar sen presa pero sen pausa. A adquisición da lectura e en xeral toda a educación é unha carreira de fondo, non un sprint. O interese que vexan no fogar ou simplemente o exemplo (que vexan ler os seus pais ou irmáns) axuda moito.

A lectura trabállase dun xeito ou outro dende a aula de tres anos pero vaise intensificando a medida que os nenos van madurando. As fotos que vedes son da aula de 5 anos. Isabel, as nenas e os nenos están a ler en común un libriño informativo sobre os bebés. Todos estiveron moi interesados polo tema e desexosos de “descifrar”a información contida en todas esas letras xuntas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario